Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria oxidada

jueves, 02 de noviembre de 2017
“A memoria tamén se oxida/ pero existe”. Tal afirma a poeta Míriam Ferradáns en Nomes de fume, libro de versos co que gañou recentemente o Premio de Poesía Xosé María Pérez Parallé e que agora ve luz da man de Espiral Maior.

O volume ten algo de bautizo, pois é o primeiro que a súa autora ve saír Memoria oxidadado prelo, aínda que a súa poética ten sido recoñecida abondosamente este último lustro en diversos certames e pode atoparse tamén en revistas de referencia, poño por caso Dorna.

Mais se a andaina previa deixaba relampos de exquisita factura, este Nomes de fume vén confirmar un talento poético que se verte nun “universo de lume, fume e cinsas”, crónica de “o que foi. O que queda”, como lembra con tanta acuidade a prologuista do libro, a tamén magnífica poeta Dores Tembrás.

Os versos de Ferradáns convocan a memoria para adiviñar a verdade que esvaece. A invocación persegue as sombras, chama pola nebulosa e advirte que “o baleiro é forma”, mais un morfo elástico, que camaleoniza e esvara inasible. Ora é o recordo do ser querido que marchou para sempre, ora a casa matriz que, aínda arredada, se sente cosida a unha como por un cordón umbilical.

Dende o presente procúranse as ausencias, tentase o lembradoiro do que habitou a casa e hoxe son apenas suturas de visións doutrora. O corpo, o sangue, a tribo que xungue e permanece como nadir entre o caos dun hoxe avolto.

Hai morte e silencio e tacto e paus de ervella que se chantan no fondo da ánima nestes poemas. E un río translúcido que non acaba de deixar ver o seu fondo porque doen demasiado as lembranzas. Pero tamén tremeloce unha beleza serena na asunción da palabra, no oficio do verso para arroupar as cinsas, aprehender do que ardeu e do silencio, que é unha mentira, un feitizo que cómpre disolver: “o que non se pronuncia non existe”; por iso, di a voz, “eu pronuncio o teu nome de fume e pedra”.

Hai nestes Nomes de fume poemas de textura ben adelgazada, dísticos lenes que apousan nunha interrogación certeira que aforra máis verbas. Agora ben, ao seu pé hai tamén algún breve apuntamento de poema en prosa e algunhas outras composicións de alento máis sostido. Mais sexa unha ou outra a moldura, a dicción sostense no apositivo, na secuencia de imaxes encadeadas que non poucas veces paralelizan e gardan no seu ventre agochos de diálogo. O conxunto resultante é un balandro versal que sortea con fortuna as augas marusías e organiza a súa nave en sintagmas de quilla resistente e vela ben arborada, sumando ás súas cadernas boa madeira herdada doutros barcos líricos.

As dúas seccións nas que se estrutura o libro comparten temas e ton e, aínda que o posible detectar nesgos particulares en cada unha, participan ambas as dúas dunha mesma atmosfera de contemplación palpitante dun pasado que estende as súas espiñas cara ao presente, mais que nunca conseguirá apagar o amor, que é “salvaxe”, ese afecto proclamado no verso derradeiro: “aquí estarás a salvo”.

Que veñan moitos máis libros de Míriam Ferradáns e que nos sigan admirando con ese seu tempo amarelecido de “cóbados gastados” e “pés descalzos”, de “mans serenas” e “corpo lívido”, de aprendizaxe deses instantes pretéritos que tanto manca recordar pero tanto nos definen tamén.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES