Neste momento da Acción de grazas na misa por Xosé Manuel Carballo, os que o queremos, desexamos agradecerche Señor o inmenso agasallo de ter por amigo ségueo a ser en plenitude- un home tan especial coma este ao que lle estamos a dicir Ata logo. Non dicimos adeus, porque nunca se irá de todo o que deixou tan fonda pegada nas nosas vidas, o que inspirou tantas accións, o que despertou tantos sentimentos, o que tanto ben nos fixo directa ou indirectamente; individual ou colectivamente.

Ti sabes Señor, como somos cada un dos teus fillos. E sabes que Carballo, con todos os seus talentos, sempre quixo ser o teu fillo máis humilde, e exerceu sempre de servidor de todos nós: dos de Goberno, coa atención espiritual e material; de Castro de Rei, coa súa acción directa; de toda a provincia de Lugo, coa súa acción cultural e social; de todo Galicia, pola xeneralidade das súas mensaxes e a transcendencia da súa obra.
Tamén sabes, Señor, que cando calquera de nós falaba do Carballo escritor, articulista
do Carballo xornalista, ilusionista, humorista, educador, defensor da lingua
sempre poñía por diante que era crego, que era servidor de Deus por medio da palabra. E do exemplo, engado eu. Que todos os seus dons os poñía ao teu servizo, por ser home de Deus, por crer no Evanxelio, por ter unha fe que movía montañas; por ter unha capacidade de traballo e impetu para defender esa fe
sabendo que todo o que facía na túa honra incidía do xeito máis sublime en todos os seus irmáns, nós, beneficiarios do seu labor creativo, da súa intelixencia, da súa vontade.
Por iso, Señor, grazas. Sabemos que conque só un de nós che dese as grazas por Carballo, xa sería como un aval innecesario, xa o sei- que o acompañaría nesta viaxe definitiva. Pero aínda que o número non importe, mira os centos de amigos presentes, e os milleiros ausentes, e todos os que nestes momentos choramos a súa perda, e aínda que no ceo os números non inflúan, e cada quen obtén proporcional premio, ben grande ha ser o do teu servidor que por fin está contigo, aínda que a todos nós nos coste admitir que xa non estará connosco para animarnos, para ben decirnos, para axudarnos, para alumarnos, para inspirarnos, para confortarnos segundo fose o momento no que precisásemos del.
Grazas Señor por este home feliz que nos deches e agora nos levas
Feliz cando escribìa, cando falaba, cando facía xogos, cando acompañaba, cando exercía de avó
Só quen coma el ten nenos na casa comprende a felicidade dun crego-avó que foi premiado no Belén de Begonte, contando que cría nos Reis Magos, desde que Martiño, o neto máis vello, ilusionado, lle dixo que os vira, e el, entón, puido crer. Pois coa mesma ilusión que Martiño e Carballo, diante da vida de Carballo, os seus amores, a súa absoluta dedicación, confeso que hai ceo, que Carballo está nel, e que con amigos así vale moito a pena pensar que alí nos está agardando. Grazas, Señor, por Xose Manuel Carballo Ferreiro. Amén.
(Texto leído na misa funeral por Xosé Manuel Carballo -Goberno (Castro de Rei), 30-10-2017- por Xulio Xiz, amigo, no nome dos amigos deste especialísimo galego, lucense e chairego, Fillo predilecto do Concello de Castro de Rei).
