Voz amiga acaba de transmitirnos a triste nova: na noite pasada finou Carballo.
Hay un par de anos o popular crego polifacético: escritor, mago, malabarista, humorista, actor fora obxeto dunha homenaxe: con tal motivo editouse o libro Cerna de carballo: Xosé M. visto por 200 amigas/os. Nel decimos: Vai por catro décadas o tempo da nosa amizade con X.M. Carballo. A relación de ambos con Mondoñedo, por razóns diferentes, foi a orixe dun coñecemento que non tardou en afianzar un afecto sincero, a pesar de que as vivencias cotiás danse en escenarios afastados: él ten como centro as terras Chás de Castro de Rei, e o que asina a beiramar focense.

Pouco había que, na cidade da Paula, creárase o Orfeón do que era presidente Roberto Michelena e director don Uxío García Amor. Naqueles tempos tiñamos en Foz aberta unha fronte a prol do Asilo para dotalo de calefacción, furgoneta, cadeiras de rodas
e a actividade mais rendible económicamente eran os festivais de música, cancións, humor; maxia e prestidixitación que en cada función enchían a sala de 600 localidades.
O Orfeón era, amais de magnífico, toda unha embaixada artística cun brillante elenco, sempre exitoso: Os Trovadores de Mondoñedo, o cadro humorístico de Manuel de Ambroz e Antón das Curuxeiras; Michelena, Araújo, Maruxa Balsa e Carballo, que redobraba unhas actuacións cheas de inxenio e simpatía, e a habilidade do mago/prestidixitador que se gañaba a simpatía e a admiración duns espectadores que valoraban o sentido didáctico e moralizante de quen é de natureza xeneroso e altruista, alleo a plantexamentos doutra índole, plenamente conscente de que só unha cousa é necesaria: a Felicidade.
Ás nosas chamadas, que se prodigaban, acudía o colectivo da vella cidade e con él Xosé Manuel: intelixente, imaxinativo, retranqueiro; sempre facendo felices ós demais; MESTRE que a cotío imparte lecccións de vida. Temos a súa amizade por don impagable.
Xosé Manuel Carballo acaba de deixarnos. Sorte que teñen ánxeles e arcánxeles que gañan a súa irrepetible compañía.
(Suso Fernández é Fillo predilecto e Cronista oficial de Foz).