Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aproveitándose do descontento

viernes, 20 de octubre de 2017
Non é de estrañar que os independentistas cataláns da esquerda radical e Podemos teñan puntos esenciais de converxencia con motivo do conato secesionista: Ambos opóñense as políticas de austeridade, que afectan seriamente a non poucos cidadáns, que, descontentos, incorpóranse aos grupos políticos que as rexeitan. E se a isto sumamos os excesos neocapitalistas que actúan cun egoísmo que lles impide prever as consecuencias futuras, está alimentándose na UE unha perigosa sensación de que sufre síntomas alarmantes de inconsistencia e ata dunha posible desintegración, “unha posibilidade que – como afirma Iván Krastev – non se pode descartar”. Digamos, pois, algo acerca deste intelectual.

Iván Krastev é un “politólogo” e intelectual búlgaro, Presidente do Centro de Estratexias Liberales de Sofía e profesor do Instituto de Humanidades de Viena, e, ademais doutros recoñecementos, posúe o Premio do Parlamento Europeo ao mellor reportaxe sobre a integración das minorías. Trátase dun especialista das crises das democracias, movementos sociais e desintegración dos estados.

Xustamente por isto, creo que presenta algún interese unha entrevista recente que lle fixo D. Miguel Mora, que é correspondente en París, despois de selo en Lisboa e Roma, do xornal “El País”.

Afirma Krastev, facendo referencia a UE, que “os grandes proxectos políticos non se desintegran pola periferia, senón desde o centro”, e no caso europeo debe terse en conta o que faga Alemaña; non obstante, pensa que non é necesario cunha maioría queira desintegrar un estado para que iso suceda. Fai, en cambio, algunhas afirmacións que semellan ser, no caso catalán, desconcertantes, cando menos cando di que “antes eran as persoas pobres as que pensaban que ían a vivir mellor soas; agora son os ricos”.

Apunta este intelectual que “hai outra cousa mellor que ser independentes: MANTER A RETÓRICA DA INDEPENDENCIA”. (Maiúsculas, miñas). É algo que tampouco se pode descartar entre as argucias dos partidos nacionalistas, xa que isto entraña moitos menos riscos e seguen coa chantaxe ao Estado. A Cataluña, no suposto da súa independencia, ninguén pode prometerlle que, separada do seu Estado, poderá volver facilmente a Unión Europea; pero a teimosía duns políticos, sen dúbida, creará serios problemas. E disto había que ter información e adoptar medidas preventivas que non resolve o tempo, senón que empeora a situación.

Aínda que a racionalidade económica non conta cando se entra en momentos tan inestables, o certo en España é que a incompetencia gobernamental á hora de afrontar o 15 M desencadeou unha adhesión aos partidos dunha esquerda radical decidida a romper as estruturas do Estado para acceder ao poder, ao mesmo tempo que certas experiencias liberais introducen no proxecto europeo patoloxías que axudan a inquietar importantes sectores da sociedade, aínda que rexeiten a inestabilidade política e as convulsións sociais.

Pero como, hoxe por hoxe, é moito máis fácil cambiar de goberno que da estrutura económica, principalmente debido a unha globalización que atranca e corta a posibilidade de adoptar medidas adecuadas, non parece que os independentistas cataláns gasten moito tempo reflexionando sobre isto, como o evidenciaron as equivocadas seguridades e confianzas nun certo respaldo económico que, lonxe de implicarse nas aberracións políticas, foxe delas e deixa os presupostos secesionistas nunha total incerteza, cunha autonomía ao borde da recesión.

Engade Krastev: “Vivimos nas ditaduras das comparacións globais. Os problemas son novos e as desintegracións son moi distintas. Non podemos pensar que Europa está equivocada. Os estados nación están equivocados. ¿Como poderán os pequenos estados enfrontarse a ese mundo xigantesco?.” Sen dúbida, un estado nas mans dunha esquerda radical, nin daría satisfacción aos cidadáns prexudicados polas medidas de austeridade – e, antes ou despois, espallaríase o desacougo –, nin sería capaz de corrixir as argucias dun neocapitalismo, e por esta razón pensa o intelectual búlgaro que “Le Pen é unha tipa lista, e seguramente non quere que Francia saia de Europa, como o Goberno catalán”. “Pero APROVÉITASE DA RETÓRICA ANTIEUROPEA”. (Maiúsculas, miñas).

Referíndose ás trampas da prestixiosa Volkswagen, afirma que é un feito altamente simbólico, porque antes falabamos dos alemáns BOS e MALOS, nunca dos TRAMPOSOS. Desgraciadamente, se extrapolamos isto a Cataluña, despois do que nos ofreceu o 1-O, non é difícil aceptar a comparación na praxe política dalgúns independentistas, situándose, so pretexto dun mandato do pobo, fora da legalidade vixente, a sabendas de que o estaban facendo así. Incluso falan de presos políticos, cando son preventivamente detidos non polo que pensan, senón polo que fan. Agora Cataluña terá que termar de eses despropósitos e a reiterada estupidez intentará derivar as responsabilidades.

As opinións de Krastev son discutibles; pero, sen dúbida, invitan á reflexión.

Permítanme esta extensa cita: “Cando os ricos eran donos das terras, non podían marcharse. Tiñan que negociar cos campesiños. Agora, cando os inversores se senten mal nun país, vanse a outro. A mobilidade das elites fai imposible aplicar políticas de esquerdas. Hollande prometeu gravar cun 70% de impostos as grandes fortunas. Gañou, pero deuse conta de que os ricos se ían a marchar e recuou. Vivimos a crise da interdependencia, e esa é a traxedia da UE”.

Traigo esta cita aquí porque me parecen incongruentes, no contexto no que estamos vivindo, as pretensións nacionalistas por acadar unha soberanía que os mesmos estados nacionais fortes están perdendo, ou, cando menos, cedendo a un organismo supranacional, co fin de xestionar con máis eficacia a remoción dos atrancos da globalización.

Quere isto dicir que xa non caben políticas de esquerda, e de perfil nacionalista?. Moi lonxe disto. Quere dicir que discutir nestes nosos tempos desde perspectivas radicais, de dereita ou esquerda, e de acadar soberanía, na miña modestísima opinión, carece de sentido e eficacia política, porque os destinatarios das mensaxes cambiaron de formación e mentalidade; as necesidades primarias a satisfacer son de tal envergadura que esixen macroestruturas de alcance mundial co emprego dunha sofisticada tecnoloxía; a cobertura salarial e as condicións de traballo dos obreiros dependerá, principalmente, da súa formación; imponse a concentración en aras da eficacia, etc. , e todo isto descontextualiza as pretensións dunha esquerda radicalizada e dun nacionalismo de brotes atávicos.

Os debates políticos deberían, polo tanto, centrarse, cos coñecementos apropiados, nas cuestións reais que afectan hoxe o mundo, non no éxito de extravagantes proxectos, porque, como se nos está evidenciando no caso do independentismo catalán, polo éxito pode mentirse, distraer recursos económicos das súas funcións previstas, subornar, traizoar,..., ou o que faga falta. E, cando isto se descubre, négase cinicamente e pásase ao contraataque. É unha inmoralidade incualificable que do peto dos cidadáns se distraia diñeiro para atender os pagos aos políticos que se obstinan nestes debates estériles e dun infantilismo dificilmente asimilable. Para satisfacer aos descontentos que os elixiron e facerse co poder persoal que desexan, converten a sede dos Parlamentos en espazos de impunes e groseiros insultos.

Facendo referencia a que a UE parece temer a “balcanización” das nacións que a integran, Krastev pensa o seguinte: “Non sei se a solución é unha Europa federal, pero creo que vamos cara a unha comunidade baseada nunha solidariedade menos retórica. É verdade que non parece haber alternativas.

Volver ao pasado de Estados desconectados non debería ser unha alternativa factible. O problema é como regular as conexións. Pero non creo que podamos permitirnos volver ao pasado”. Sen dúbida, hai unha dinámica positiva, que se xerou a causa da crise actual, porque foi sedimentando nos europeos un sentimento de dependencia uns dos outros. Por iso, as pretensións dos independentistas cataláns preséntanse incluso na mesma Cataluña do seny como extravagantes, insensatas e subversivas, e ata é posible que pretendan, no peor dos supostos, deixar unha conexión co resto de España que lles permita zugar e practicar o vitimismo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES