Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Veterinario da Venecia Ourensá

viernes, 20 de octubre de 2017
Testemuñas da Memoria
O Veterinario da Venecia Ourensá

Moitos pensarán que as adversidades políticas separan ou segregan. Depende. Hai xente que si toma a peito ó adversario, sexa na condición que sexa. Pero tamén hai xente que canta máis adversidade nota, máis intenta achegarse ó contrario, incluso ata pode chegar a sentir agarimo O Veterinario da Venecia Ourensá por el. Eduardo Laherrán de la Sota e este molgués que escribe eran rematadamente contrarios nas cuestións políticas. Non obstante, hai un algo, un aquel no que noto un certo cariño, un certo achegamento polo que foi un dos alcaldes máis lonxevos de todo o territorio español. Incluso en plan, chamémoslle, de traballo coincidín con el durante un tempo, de cando me fixera cargo da biblioteca pública de Baños de Molgas. E teño que recoñecer que comigo portouse sempre moi ben. Non había tarde na que, como tivese que asistir por calquera motivo á Casa Consistorial, non abrise a porta da biblioteca e se interesase por min e pola miña labor. Aínda que unha vez case me rifou. Pero foi unha rifa cariñosa: "por Deus bendito, deixa de pedirme tantos libros!", chegou a manifestarme.

Cada vez que asomaba pola biblioteca algún representante das editoriais ou algún vendedor de libros, eu, ante a fascinación e o amor que sentía (e sinto) por estes, sempre os remitía ó señor alcalde con informes moi favorables. Que carallo, eran sempre favorables! O caso era conseguir libros para a vila. Ata que me dixo basta! Non lle fixen moito caso, esa é a verdade... o próximo vendedor que entrou: ale, sube arriba e dille que esta colección é imprescindible para a biblioteca. En momentos así, confeso que non desexaba que abrise a porta para despedirse de min, por se me botaba unha bufiñada. pero, repito, fóra daquela reprenda cariñosa, comigo sempre se portou ben. Incluso en tempos máis actuais, e cada vez que me vía, sempre me comentaba algo de que me seguía por La Región; "pero es que usas ese gallego...". Nunca deixou de saudarme, nin por adversario nas ideas políticas nin por aquela distinción de clases que había antigamente entre a xente ben e os labregos; no caso de Baños de Molgas, entre a xente "da carretera" e "os outros" ou os do casco vello ou os da Aira de Arriba ou os do barrio da Igrexa.

Aínda que, a este último respecto (o de saudar ós labregos), case o vexo normal. Porque Eduardo Laherrán de la Sota tratou toda a súa vida con labregos. este é quizais o auténtico motivo desta reportaxe. Cando pensei nel para un Testemuñas sempre o fixen baixo o prisma, a perspectiva da súa actividade como veterinario e non como alcalde ou político. Porque é verdade que don Eduardo foi alcalde, e foi director da Caixa Ourense, e foi o director e un dos donos do balneario da vila molguesa, pero para Baños de Molgas e para toda a contorna foi, ante todo, veterinario, O Veterinario. Segundo as referencias que teño, fóra xa da nosa vila, seica foi un moi bo veterinario.

Un veterinario que non rexeitaba enzoufarse nunha corte chea de merda aínda que levase zapatos de charón (e lembrade que estamos a falar das décadas anteriores á dos oitenta, cando a división de clases era máis que patente e cando "esas clases", algunhas veces, facían e desfacían ó seu antollo). Un veterinario ó que non lle amolaba que o espertasen ás tres ou catro da madrugada porque tal becerro estaba agonizando. Lembro os domingos, cando saía da misa, que o esperabamos como auga de maio para asaltalo e que lle botase unha ollada a cal vaca ou a tal porco porque lle asomaba un vulto alí, no bandullo, por exemplo. El, cos zapatiños baixos, entraba na corte ou no cortello e aquí paz e despois gloria.

Eduardo Laherrán de la Sota naceu en Puente Arce, Santander, o 20 de xaneiro de 1923. Estudou a carreira de veterinario na Facultade de León. Chegou a Baños de Molgas no 1951 para exercer de veterinario titular. Chegou, como diría el, "no Villalón, onde coñecín á mestra María Dolores Cachalvite que me recomendou o hotel Evangelina para aloxarme". Dous anos máis tarde acomodou noutro lado... coa súa dona María Luisa González Salgado, filla de don Samuel González Movilla, médico titular de Baños de Molgas. Foi en concreto o 17 de xuño de 1953 ó casar con ela no santuario dos Milagres. Tiveron unha filla, que é farmacéutica na cidade das Burgas desde 1972.

Como o espazo das Testemuñas é o que é, hai que simplificar a grandes trazos. Tomou posesión como alcalde de Baños de Molgas o 13 de maio de 1958 e presentou a súa dimisión o 30 de abril de 1993. Aí é nada, 35 anos de alcalde! E antes era antes, pero lémbrese que, en plena democracia, varreu en todos os comicios por maioría absoluta, se non recordo mal. Foi deputado provincial durante varios anos. Solicitou, abriu e foi director da oficina da Caixa Ourense da vila balnearia desde 1969 ata a súa xubilación. Fixo seu o alcume que un correspondente deste xornal, Sindo Froufe, usou para Baños de Molgas cando lle chamou á vila a Venecia ourensá. E ben sabía por que. Nós tamén o sabemos.

Tivo condecoracións, recoñecementos, homenaxes a darlle cun sacho por practicamente todas as súas facetas. Ata o pleno do concello de Baños de Molgas (rexido hoxe polo BNG) recoñece a labor de Eduardo Laherrán de la Sota, que faleceu o pasado 17 de xaneiro, ós 93 anos, fixo xa dous meses. Descanse en paz, señor veterinario.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES