Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Distincións da Xuntanza Terra Chá

jueves, 19 de octubre de 2017
A Xuntanza Terra Chá é un colectivo de vilalbeses residentes en Madrid,que periodicamente se xuntan para facer recoñecemento público dos méritos de determinadas persoas e colectivos, especialmente pola repercusión que o traballo dos homenaxeados ten moito máis aló da súa contorna; polo interese público dese traballo, moitas veces calado, a prol dos demais.

Habitualmente estas xuntanzas celébranse en Madrid, pero unha vez ao ano celébrase en Vilalba para entregar cadansúa distinción a dúas persoas ou institucións. Neste ano, a entrega efectuouse nun acto celebrado no Parador Nacional de Turismo de Vilalba, á familia de Manuel Vérez, e á Denominación de orixe San Simon da Costa.

Manuel Vérez Rego

Manuel Vérez era un amigo de todos nós, un traballador que comenzou o seu percorrido laboral en Vilalba no eido dos repostos de automóvil, logo como chofer -dahí lle viría o grande amor polos coches clásicos-, máis tarde en Cuba cunha empresa de instrumentos musicais de percusión, e por fin en Madrid no mundo da xoiería con relacións a escala mundial.

Coñecino físicamente non hai moito tempo, aínda que os dous tiñamos desde sempre unha relación indirecta por amigos comúns, e pola miña antiga amizade con membros da súa familia.

Vímonos en anteriores xuntanzas desta Asociación, e na Casa de Galicia en Madrid, onde acudíu á presentacións das obras do común amigo vilalbés Domingo Goás Chao.

Precisamente o ano pasado, tal día coma hoxe, estivo aquí entre nós, participando neste acto de homenaxe a chairegos destacados. E, ao acabar o xantar, sabendo da miña querencia polo vello edificio da Academia Santa María, que el restaurara e tiña como residencia vilalbesa, invitoume a visitalo para ver como se mantiña na actualidade. E ao rematar a visita, agasalloume cun queixo de San Simón, agasallo que resultou ser premonitorio da atención conque esta asociación vía o labor de promoción do noso Queixo.

Puiden ver aquel día algúns dos coches clásicos que coleccionaba -era a súa gran paixón- e gardo unha reportaxe que o xornal El Progreso lle dedicou hai agora doce anos, sobre a súa ilusión de crear en Vilalba un Museo de vehículos históricos.

Manuel Vérez era un membro destacado da Asociación Xuntanza Terra Chá. Traballou nela de xeito incansable durante os 49 anos que esta entidade leva funcionando. Magoa que non poida ver físicamente o cumpreanos número cincuenta, o medio século, que se cumprira o ano que ven.

Sabendo o papel desempeñado por Manuel Vérez nesta asociación, e recoñecendo que se hoxe estamos aquí débese en boa medida a que Manuel Vérez empuxou e traballou na impulsión, a Asociación Xuntanza da Terra Chá fai entrega a Laura Rego, familiar de Manuel, desta lembranza de agarimo e de permanente presencia entre nós de Manuel Vérez Rego.

D. O. San Simón da Costa

Hai unha lenda referida ao Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, que enraizou fortemente na tradición popular. Resulta que o Mestre esculpiu á Raiña Esther -hai quen quere ver nela á mesma Raíña de Saba- cunhas formas moi exuberantes, que ao Cabido da Catedral non acababan de convencer. E moi de preto estaba o Profeta Daniel, que sorría, a xente pensaba que con picardía, observando unhas proporcións que parecían desmesuradas para figurar naquel lugar.

De pouco valeu que se considerase que Daniel era o primeiro sorriso do arte románico… o Cabido ordenou rebaixar os peitos da raíña, deixando que o profeta seguise sorrindo, coidando rematar así co problema, sen agardar a resposta popular, pois os labregos tomaron venganza permanente comezando a facer queixos con forma de peito de muller, para lembrar os atributos perdidos.

O queixo chamado “tetilla” que se produce na Galicia central atribúese a propiedade da lenda, e a min non me acaba de convencer, xa que se a raíña Esther, ou de Saba, tiña uns peitos poderosos, seica esaxerados, máis debería corresponder esa “ben trovata” lenda ao noso Queixo de San Simón, con figura ben rotunda e simbólica.

Mais non precisa este noso queixo de recurrir a lendas, que sendo montañés na súa orixe ben pode reflectir na súa forma os montes poderosos que o viron nacer hai milleiros de anos, ao abrigo das serras da Carba e o Xistral, cando os nosos castrexos antecesores aínda non coñecían o inimigo poderoso que vindo da lonxana Roma conquistaría a sangue e lume estas terras valiosas polo ouro e polos seus productos que brilaban -caso deste noso queixo- como o mesmo ouro.

E quere a tradición, que no tempo dos romanos, a Roma chegara o queixo de San Simón. E acredita a historia que este queixo non só se usaba para a alimentación dos que o producían, senón que se usaba como agasallo de calidade, e mesmo como moeda de curso legal cando se trataba de pagar impostos, rendas, fóros ou dezmos do xeito máis tanxible.

Sendo neno teño visto levar queixos coidadosamente envoltos para vender ou agasallar, como producto senlleiro, exclusivo, traballoso, escaso… e polo tanto de grande valor.

Conservando a tradición, potenciando o producto; regulando o proceso e mellorándoo; mantendo calidades e dignificando traballos, chegamos a un producto senlleiro que non só figura nas mellores mesas senón que acadou consideración xeral… E esto só se consegue con seriedade e traballo, con esforzo e constancia…

Por iso, a Asociación Xuntanza da Terra Chá, se fixou no papel económico e social, racial e gastronómico, de prestixio e señorío que a D.O. do Queixo de San Simón ten conseguido para este producto de noso, e por tal decidiu honrar aos responsables do Consello Regulador, tendo en conta especialmente o o feito de manter a tradición do noso excelso Queixo de San Simón.

Quere a Asociación resaltar o feito de que este Queixo leva o nome de Vilalba por todo o mundo, feito que os chairegos de Madrid valoran de xeito especial por percibilo de forma moi directa ao estar físicamente lonxe da terra, experimentando un xustificado orgullo por poder contar con este símbolo vilalbes que desde a lonxanía nos achega permanentemente a Vilalba.

Así pois, a distinción que a Asociación Xuntanza da Terra Chá concede cada ano a unha persoa ou institución que fai que a nosa terra sexa cada vez máis grande, este ano concédese ao Consello Regulador da Denominación de Orixe do Queixo de San Simón, e vaina recoller o Presidente da Denominación.

(Palabras de Xulio Xiz na entrega das distincións da Xuntanza Terra Chá).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania