Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O río e a vida

lunes, 02 de julio de 2007
Para nós, o río en Vilalba non tiña nome propio. Era “O Río”, que recibía o sobrenome do lugar por onde pasaba: Rio dos Freires, da Madalena (Madanela, chamaballe Carmiña Prieto), do Rañego, dos Pasos... E da Pena de Miguel. Na Gran Enciclopedia Gallega, no mapa de Vilalba figura o Rio Madalena que ven da Serra da Carba e ó xuntarse co Trimaz pasa a ser o Ladra.
Os Freires, onde debeu haber un convento, daquela quedaba lonxe, na saída hacia as Pontes, con ponte monumental rematada en curva que obrigaba ós coches a circular lentamente. Desde a ponte, víase abaixo o río, distante, cheo de verde, rodeado de árbores. Ese río eu só o coñecín de paso, desde arriba.
Indo río abaixo, viña a Pena de Miguel, onde se coidaba que saía o tunel que desde o castelo se utilizaba en tempos para levar a beber ós cabalos da torre. Dicíase que o río alí era moi fondo, gran poza con perigo certo, lembranza de afogados, onde tiñamos prohibido ir. Eu, que daquela non sabía nadar e era medoso abondo, nunca quebrantei a prohibición.
A Madalena tiña paseo xunto ó caneiro, e camiño á beira do río onde se ían lavar as grandes tinas de roupa. Dábame medo a profundidade insondable –quizais un par de metros- do pozo inmediato ó muíño, mansión misteriosa polos misterios da auga. Moito disfrutei do río nesta zona, de pequeno, mentras miña nai lavaba na súa beira.
O Rañego e os Pasos tiñan tamén cadanseu muíño. O do Rañego, case máis vivo agora que entón, aínda que con fin diferente xa que hoxe é casa de cultura e lugar preferido polos mozos vilalbeses que casan polo civil. Pasos e Rañego foron sempre lugar de lecer, de contemplación e paseo onde o río era –aínda que o principal- un elemento máis da natureza.
En Vilalba, sempre unida ó río, o río levaba a culpa dos fríos invernais, das néboas que ascendían no anoitecer pola costa do Hospital ou pola Ferrería. O río atraía como un imán no bo tempo, e as súas augas eran tan vitalizadoras para os vilalbeses coma as da charca de Codesido para os aqueixados de reuma. Sanaban, aínda que un non estivese enfermo.
Co tempo, Vilalba domesticou o anaco do río que se coidaba máis perigoso, para o lecer colectivo, chegando a ter un fabuloso parque acuático onde unha torre canaliza tres tobogáns polos que lanzarse a unha auga que hoxe discorre con lentitude para que poidamos mellor recrearnos nela. Para os do meu tempo, pura ciencia-ficción.
O río en Vilalba foi sempre a vea pola que circulaba a esencia da nosa vida. O río, hoxe, é arteria que aparte de levar auga nutricia, ten potenciada a súa función de lecer de xeito que o fai máis imprescindible se é posible, e máis extraordinario e poderoso. En Vilalba, onte e hoxe, o río é a vida. Comprobádeo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania