Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre o poder do destino

viernes, 13 de octubre de 2017
Testemuñas da Memoria:
Sobre o poder do destino

Ó mellor pode parecer fácil que un médico escriba novelas versadas sobre a medicina, un avogado desenvolva o tema de xulgados ou un policía use o fondo ou o transfondo dun thriller ou novela negra. Pode parecer fácil, pero non o é. Todo precisa dunha linguaxe, dun estilo, dun ritmo, dunha trama que ten que ir máis alá dos simples coñecementos Sobre o poder do destinoque se teñan sobre esas actividades ou sobre eses traballos. É certo que a experiencia en tal ou cal emprego axuda; pero así calquera veterano valería para escribir unha ducia de novelas. E non valemos calquera.

Fernando Hernández González si vale. A maiores da experiencia como policía local do concello do Barco de Valdeorras (leva máis de 20 anos alá), soubo darlle ritmo a unha novela de intriga que se apodera páxina a páxina do lector. “Juguetes de lo desconocido” é unha novela negra que nos fai reflexionar sobre o poder do destino para transformar as nosas vidas. Nela contrastan a luminosidade, que está representada polo protagonista, e a escuridade, que, como non, encárnaa o malo, o peor do ser humano, que sabemos que é moito, que todos temos ese demo que levamos dentro.

Fernando Hernández ten outro valor engadido ó da escritura da novela: o da súa publicación. Agora está contento, pero tal como me contou, necesitou valor, Deus e axuda para ver impresa e publicada “Juguetes de lo desconocido”. Semella que o deixou esgotado. Por iso conta que as únicas “sorpresas negativas” protagonizáronas os voitres que se atopan no mundo editorial en forma de falsos editores e que se aproveitan de escritores noveles, deses pobres escritores que o único que desexan é dar a coñecer os seus traballos e os seus coñecementos. Claro que estes representan á cultura, mentres que os voitres só van detrás da carnaza, do negocio. E enganan a “Cristo y Dios padre”.

Ó autor non lle quedou outra que autopublicarse, darse a coñecer percorrendo libraría tras libraría, espazo tras espazo, vila tras vila, polo que confesa, e con razón, que é unha tarefa dura, moi dura. Non é un prato de gusto ir de porta en porta, practicamente mendigando. Arríscaste a recibir contestacións que ata poden partir a alma, ata poden botar por terra as túas ansias de escribir. Incluso che poden romper o nariz coas portas.

Parece que non foi o caso da libraría Eixo da nosa cidade, que llas abriu de par en par fixo xa un ano, o 14 de xaneiro do 2016. Alí a presentou ante unha ducia de fieis lectores e debullou un pouco as 400 páxinas das que consta “Juguetes de lo desconocido”. Dividida en tres partes, na que, na primeira, preséntanos ó protagonista, un policía ourensán cun abaneo na súa vida persoal que o leva da perfección á esgazadura por culpa dun terrible suceso familiar. A segunda parte da trama corresponde cunha viaxe polos delirios sanguinarios dun psicópata con sede de posesión e sangue que o levan a terras galegas onde os avatares do destino fan que os dous protagonistas coincidan. No último terzo, o duelo psicolóxico entre ambos, ese choque entre o ben e o mal, a luz e a escuridade, pode ter consecuencias mortais para unha estudante monfortina da USC e para eles mesmos. Como se ve, a trama engancha.

A narración que buliu na cabeza do policía barquense ten numerosos escenarios, entre os que figuran Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra, así como Ourense e incluso outras localidades de fóra de Galicia. O espazo temporal vai desde finais do século pasado ata unha época futura. Fernando Hernández confesa que lle deu traballo, pero aínda así seica xa está enfrascado noutra novela.

O autor, como dicía ó principio, leva xa 20 anos de policía local no Barco, pero nacer naceu e vive en Monforte de Lemos vai para 48 anos, cúmpreos agora no mes de marzo. Casado e con dous fillos. Estudou, por suposto, en Monforte e uns aniños na Carballeira, aquí en Ourense. Despois xa se graduou en Ciencias Criminolóxicas na Universidade de Santiago e tamén acadou o grao de Criminoloxía na UNIR, ou o que é o mesmo, a Universidade da Rioxa. De neno case foi coma todos con respecto ás afeccións deportivas: fútbol e baloncesto. O case ese débese ó tenis, polo que sente unha verdadeira paixón.

O escritor monfortino ou o novelista barquense confesa que non é un devorador de libros, que le o esencial, pero si quere que o del o lea todo o mundo. Normal. E eu bótolle un cable dicindo que si merece a pena lelo, que moito ánimo co novo, que seguro que superará a “Juguetes de lo desconocido”, e que para a próxima xa lle abrirán as portas carrais a maioría das librarías.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES