'O careto' de Alberto Núñez
Piñeiro, Antonio - martes, 10 de octubre de 2017
É certo que estamos moi próximos á sobredose e que as burbullas do "cava" catalán, mesmo sen probarmos unha soa copa, xa comeza a bordarnos a todos polas orellas. De tódolos xeitos, por máis que sexa así, non me podo resistir a comentar un detalle case insignificante, pero certamente significativo, no que casualmente reparei nantronte pola noite cando facía o repaso cotián da prensa do día na rede. Permítame, logo entón, benquerido lector, unha "copa" máis e prometo "deixar por un tempo tan desacougante bebida"
Tal como digo, no exercicio de resumo informativo diario que teño por costume facer denantes de me ir deitar, nun dos moitos e variados xornais dixitais que adoito repasar, vin unha información que reproducía con soporte audiovisual unha entrevista do mesmo día realizada polo xornalista da Sexta, Antonio García Ferreras, ó vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, ó fío da decisión do Banco de Sabadell de trasladar a súa sede para Alicante e dado que o escenario onde ten lugar a noticia, para min é moi importante para -nunca mellor dito- contextualizar a mesma, intuíndo que o lugar da entrevista sería, por lóxica elemental, o despacho oficial do vicepresidente, reparei nos obxectos que se atopaban ó alcance do obxectivo.
Velaí, entón, cando zopei de fronte cun detalle aparentemente inocuo, pero non tanto, logo de ter sabido todo o que temos sabido sobre o proceso de adoutrinamento que seica se dá nalgunhas escolas catalás e sobre o traballo de laboratorio da enxeñería social -ou socio-político- que nas tres ou catro últimas décadas teñen executado dúas macroentidades culturais sen as que dificilmente sería entendible a axilidade mobilizadora e a unidade de criterio na acción de rúa demostrada por esa parte da sociedade catalá que se di secesionista.
O caso foi que ó esculcar os cadros que adornaban o fondo do escenario da entrevista, onde evidentemente non podía faltar a bandeira, reparei nun cadro pouco nítido debido á reflexión da luz onde me pareceu ver a figura omnipresente do presidente da Generalitat na mesma posición de pose institucional que se repite por salas e despachos oficiais de todo o Estado, coa figura do Rei Felipe.
Seguro que me crerá se lle digo que tiven que frotar os ollos, xa que logo a hora da lectura comezaba a transitar lentamente pola madrugada, e ampliar a imaxe na pantalla para cerciorarme de que o que estaba vendo era certo. É, dicir, a Carles Puigdemont en posición monárquica acompañando silenciosamente cada unha das decisións que o seu vicepresidente terá tomado naquel despacho.
Entón, dixen para min, definitivamente teño que deixar o cava. E xusto a seguir fíxenme (espero que non se me enfade o presidente) a seguinte pregunta: Que pasaría se o careto de Alberto Núñez estivera pendurado por salóns, salas e despachos de tódalas oficinas da Xunta de Galicia?
E marchei á cama sen me atrever visualizar a dimensión da resposta.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora