Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recurso aos memes

lunes, 09 de octubre de 2017
A lectura dalgúns artigos relativos ao independentismo catalán tróuxome ao recordo o contido do Capítulo XIII dun libro da miña modesta autoría, publicado pola Fundación Comarcal a Mariña Central, no 2.010, titulado EVOLUCIÓN Y COMPLEJIDAD. PERSPECTIVAS CIENTÍFICA Y METACIENTÍFICA. Leva como epígrafe este capítulo “Evolución cultural: memes”. Traio aquí algúns conceptos del. Descúlpenme que a pereza me obrigue a “plaxiarme”.

MEME é unha abreviatura do termo grego MIMEME, relacionado coa “imitación” e a “memoria de algo”. Pertence a unha familia de termos que fan referencia a “imitación”, tales coma o verbo MIMEOMAI (contraído, MIMOUMAI =imitar), MÍMESIS =imitación, figura, imaxe; MIMETIKÓS = aptitude para imitar, etc. Aquí con MEME se designan, “Ideas”, “cantigas”, “figuras”, etc. Falar de “xenes” na Bioloxía, é coma falar de “memes” na cultura: Ambos teñen certas equivalencias, aínda que estes non forman xenomas; pero si o noso caudal de coñecementos, costumes, relixións, etc.

N.K. Humphrey di que os “memes” deben ser considerados como estruturas viventes, e R. Dawkins escribe: “Cando plantas un meme fértil na miña mente, literalmente parasitas o meu cerebro, converténdoo nun vehículo de propagación do meme, da mesma forma que un virus pode parasitar o mecanismo xenético dunha célula co papel de anfitriona .” (Tradución miña).

Donald Campbell, psicólogo americano, define os xenes como conxunto de instrucións para fabricar proteínas, que están situadas nas células do organismo e transmítense na reprodución. E define os memes tamén como instrucións para efectuar condutas situadas no cerebro, que se transmiten por imitación. Non esquezamos que os memes poden formar conxuntos cooperantes, que se chaman MEMEPLEX, e que, segundo Robert Trivers, arránxase moi ben PARA CREAR ESTRATEXIAS DE INFILTRACIÓN ENTRE INDIVIDUOS ALTRUÍSTAS.

Os memes teñen pernas xigantes. Están en todo e todo o afectan: Os nosos aparatos domésticos, que utilizan como medio de replicación, o noso propio cerebro, A NOSA CONDUTA, A ELECCIÓN DE OPCIÓNS, O QUE FALAMOS, A CONCIENCIA, A CULTURA EN XERAL, etc. (S. Blackmore, escritora e conferenciante inglesa).

Non é de estrañar, pois, que as estratexias de transmisión dos “memes adecuados”, utilizadas polos independentistas cataláns, producira os seus efectos, agora arraigados en moitos cerebros, debido á indiferenza dos distintos gobernos da quenda, cando non a improcedente colaboración, e o concurso da PRUDENCIA IMPRUDENTE do Sr. Rajoy, que moitos xa esperabamos, incluso soportando o cello torcido dalgúns afiliados, que nos levara a esta escabrosa situación con Cataluña.

O catedrático da Universidade de Lausane, Blas Lara, escribe, a propósito desta temática, que o “etnonacionalismo” oculta un primeiro problema: Onde hai que situar as orixes dun pobo. Roma non pode agora reivindicar España; Francia, a costa adriática, o norte de África, a Gran Bretaña, etc. E seguindo esta liña, cal é o punto cero dunha pretendida nación como Euskadi, Cataluña, etc?. Tamén Ernest Gellner, antropólogo e filósofo británico, escribe: “Non hai que fragmentar as unidades historicamente constituídas e estables, limitando os potenciais de prosperidade e ata de autonomía. Lembren o ridículo cantonalista do XIX en España”.

Eduardo Costas, catedrático de Xenética na Universidade Complutense, escribe que sendo estudante en Santiago de Compostela, asistiu a dúas conferencias, unha de J. Luis López Aranguren e outra de Ignacio Ellacuría, e, ao final, aínda que non viña a conto, uns estudantes nacionalistas preguntaron aos conferenciantes a súa opinión sobre o “inalienable dereito da nación galega a ser independente”. Ambos conferenciantes apuntaron contundentes razóns éticas en contra do nacionalismo. Os estudantes estiveron de acordo coas razóns expostas; pero daba igual, porque se sentían nacionalistas: E que se é nacionalista por sentimentos e pode deixarse de selo pola razón.

Penso que son opinións que ben merecen una reflexión, e sobre todo se a isto sumamos a eficacia da transmisión memética a finais do século XX e principios do XXI, como evidencia o estudo duns investigadores da Universidade Autónoma de Barcelona, que revela que o SECESIONISMO pasou do 19 ao 41 % entre l.991 e 2.012. Acaso o goberno da Moncloa estaba durmindo?. Non lles parece hoxe aos que torcían o cello antes que xa había que ocuparse da solución do problema e non esperar a quedar en maioría minoritaria?. Ou tiñan a convicción de estar medio século en maioría absoluta?. E non vou ser eu quen lle regatee a este goberno os seus acertos na xestión económica; pero cuns asesores menos, e máis espelidos, dedicados ao problema catalán, intelixentemente elixidos, seguramente evitábamos o atranco de hoxe. Pero a tempo, e, por suposto, antes da sementeira memética...!.

A Historia rexistra que esta clase de convulsións en Cataluña case sempre terminou nunha lamentable violencia. Debería de evitarse intelixentemente nesta ocasión, mais os “memeplex” parece que dirixiron os seus efectos cooperativos ao espazo sentimental, en vista da extrema irracionalidade das condutas, con obtusas manipulacións e avesas pretensións, dos responsables da Generalitat, e isto xera un contexto pouco propicio, por agora, para unha solución dialogada, que aconsellan algúns líderes non moi fiables politicamente e sempre dispostos a aproveitar as difíciles situacións para acadar unha relevancia que non se merecen.

Políticos desta inconsistencia encóntranse nas barras dos bares, cunha aceptable erudición; pero tamén cunha argumentación que denuncia a súa incompetencia para certas funcións sociais. Como proba abonda un exemplo: Non oíron en Tv. a un deles recomendarlle a Puigdemont que evitara a DUI (Declaración Unilateral de Independencia), PORQUE PODÍA XUSTIFICAR QUE RAJOY APLICARA O ARTIGO 155 DA CONSTITUCIÓN, E CORRÍAN O PERIGRO DE IR AO CÁRCERE ?. A este político parece non preocupalo o ámbito de ilegalidades que crearon os independentistas, nin a unidade de España, á que só fai mencións accidentais, e hipocritamente. Acaso pode evidenciarse máis incompetencia política, incluso dende o punto de vista dunhas futuras eleccións!?. Tamén o afectaron os memes sementados polos independentistas?.

Dubídoo, posto que o del é a estratexia habitual para implantar o seu IMPRECISO “memeplex”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES