Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

San Froilán de Lugo

lunes, 09 de octubre de 2017
Teño que ir falar do San Froilán, a nenos de dez/once anos do colexio Menéndez Pelayo da capital lucense, porque os profesores consideran de interese que aos rapaces lles falen sobre as festas maiores do seu pobo persoas maiores que teñan vivido pasadas festas, para dar perspectiva de profundidade no tempo desta especial manifestación popular que nos convirte aos lucenses nunha especial caste festeira onde todos simultaneamente somos protagonistas e beneficiarios do acontecemento.

Porque a festa facémola nós, polo feito de saír da casa e acudir ao centro festeiro, e pasear polo recinto, e acudir ás prazas onde hai espectáculos, ou deambulando ledamente por rúas coroadas cun alumeado festeiro que proclama que estamos nun tempo e nun lugar diferente.

A moitos soaralles raro saber que o que agora son festas totalmente lúdicas, foron en tempo feiras onde acudían xentes de toda a contorna, rematados os máis fortes traballos do verán, a vender e a mercar, e a disfrutar dos últimos días medianamente longos e medianamente cálidos antes do longo inverno lucense. E temos que ser os maiores -fotos abundantes hai para probalo- os que informemos de que tivemos ocasión de comprobar como nos sanfroiláns dos anos sesenta aínda había feira cabalar ás portas mesmas do Seminario Maior; que non hai tantos anos se vendían produtos de interese para os campesiños -estrobos, aguilladas, cestos…- nas portas do Pazo de Xustiza, e que mentras pervivíu, era fortemente agrícola a Feira de mostras que acompañaba ás festas.

O do Santo quizais sexa un pretexto, pero está moi ben por honrar a un Froilán que de neno estudiou na Catedral, e logo voou polos ceos de Galicia conseguindo a santidade e contaxiando da súa fe a tantas boas xentes que atopou no seu camiño. O seu tránsito desde o Regueiro dos Hortos de Lugo ás terras de misión dos páramos leoneses, fixo encher de fe, de historias e de lendas aquela e esta terra, e se era natural que os leoneses o tiveran por padroeiro como primeiros beneficiados do seu labor predicador e evangelizador, meritorio é para os lucenses facer que o santo sexa profeta na súa terra sendo o estandarte relixioso da cidade desde hai séculos, e gobernando nominalmente ademáis dos elementos da nosa fe, aspectos máis humanos que comprenden o lecer e o disfrute das datas nas que o corazón nos pide abrir as portas á ledicia independentemente dos ventos que soplen desde as máis diversas instancias.

Un santo como Froilán, dos nosos, da casa, que usaba un burriño do país para levar os seus libros e que cando un lobo fameno deu boa conta do burro convenceu ao fero animal de que colaborase na súa misión sendo porteador como o burro fóra dos seus enseres.

E pode que o de Froilán sexa unha lenda, que a vida ten máis de lenda que de historia, pero que bonito resulta que a forza da razón do santo puidese convencer á forza bruta de que o libro vence á fame, de que a fe e a intelixencia pode coa violencia.

A lenda de Froilán aínda é máis forte ca a historia. E coa lenda nos quedamos mentras ollamos a imaxe do santo na súa igrexa parroquial, na súa capela da Catedral ou na fachada maior da Seo lucense. E se queremos ir á orixe, vaiamos ao Regueiro dos Hortos, onde hoxe se chama Rúa do Carmen, e ergamos unha plegaria muda e sinxela, nestas festas, na memoria do santo padroeiro que desde a humildade chegou ao máis alto, ao ceo. Ao ceo dos galegos, que non é que estea arredado do outro, senón que ten un recanto moi azul con toques verdísimos, onde se fala o latín moi evoluído que todos coñecemos, e onde os santos entenden todo o que dicimos, teñen retranca, e fan milagros que noutro sitio non entenderían… porque, un supoñer, fálalle ti a un andaluz de que un santo convence a un lobo de que lle leve os libros… o andaluz, como mínimo, faiche un chiste. E isto, é un tema moi, moi serio.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES