Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 11 de octubre de 2017
A realidade pura e dura

Anda por aí un persoeiro político (non digo o nome porque despois rífanme) dicindo que as colleitas agrícolas incrementáronse á pesar dos reveses climáticos. E asegura que a pataca e a castaña aumentaron. Pode que si. Pero non di nada dos produtos que levou a xeada, primeiro, e, logo, a pedra. Nin di nada das vacas que empezan a ser sacrificadas porque non teñen que beber. Como mellor se entende o asunto é poñendo exemplos. Fálolle das uvas. Porque as traballo. E paso a darlle uns datos a ese persoeiro que os pode consultar perfectamente no Pingas de OrballoConsello Regulador do Ribeiro, para que vexa que nin esaxero nin uso o viticismo. Póñolle aquí (e no Consello) a realidade pura e dura. O ano pasado collín 683 cestos de xerez; este ano, 230. O ano pasado collín 156 caixas (levan o mesmo cos cestos) de godello; este ano, 41. O ano pasado collín 112 caixas de torrontés; este ano, 20 xustas. O ano pasado collín en total 951 (entre cestos e caixas); este ano, 291. Señor persoeiro político: algunhas colleitas agrícolas baixaron “que nin diola”, como diría aquel.

Ler a ladaíña

O sol acababa de poñerse polo outeiro de Brandín e xa era hora, entón, de emprender o camiño de volta á casa. Amoedo Ruso, O Raposo, andaba no monte por Detrás da Lomba e as súas vacas pacían na parcela de Luisa, A Salerosa. A ver!, non deberían andar alí, pero aquilo pódese dicir que todo era del, porque era o único que adoitaba ir por eses lugares coas vacas. Empezou a tanguer nestas, cando se decatou de que lle faltaba o burro. Arre, carallo!, agora si que a armou. Desde un primeiro momento xa sabía que era inútil buscalo, que non o atoparía. Que o seu burro, cada vez que desaparecía, largaba dereitiño para o muíño do Dositeo, alá case á beira da ponte das Cepas, é dicir, a uns cinco ou seis quilómetros do Medo. Amoedo, O Raposo, non tardou en amosar un xesto de preocupación no seu rostro. Porque sabía que ó chegar á casa, a súa nai íalle ler a ladaíña. A súa nai sempre lle lía a ladaíña, por arre ou por xo. E detrás da ladaíña ía case sempre unha labazada que lle facía asomar as bágoas ós ollos. Cando meteu as vacas na corte e viu a cara da súa nai xa soubo que a partir de xa! empezaba a lectura da ladaíña.

Democracia a base de golpes

Contemplo a paisaxe e non vexo nada de nada; nin matogueiras, nin árbores, nin intelixencia detrás dos outeiros. Tan só ó lonxe vexo porras que rebentan a liberdade dun pobo. E detrás dos outeiros están acochadas as decisións covardes de filibusteiros sen ningún respecto á democracia. Democracia a base de golpes. Quero ser libre e voar sobre os recantos verdes do Medo. Quero ser libre e xogar coa tranquilidade dun neno polos currunchos de Pinouzos. E desde o alto da Chaira berrar pola independencia dun país. Custa horrores acadala. Custa urnas manchadas de sangue. Furgo na memoria e próeme a alma ante o esquecemento de todo un pobo pola súa historia. Canto nos custa ver as ansias de liberdade dun país asoballado, oprimido! Democracia a base de Pingas de Orballogolpes. Contemplo o pasado e vexo que non aprendemos nada. É máis, ás veces, moitas veces, botamos man da bota que preme, que calca, que esmaga. O caso é manter a vida en calma. Que ninguén alborote. Que ninguén se alce contra o poder establecido e contra esa bota ben calzada e mellor atada. A mellor solución: democracia a base de golpes.

Epidemia de febres tifoides

Hai epidemias que marcan e que poñen a cada un no seu sitio. Nos meses de xuño e xullo de 1890 incrementouse de forma ostentosa a epidemia de febres tifoides nalgunhas aldeas do concello de Baños de Molgas, do meu concello. Tanto foi o incremento que empezou a propagarse, a espallarse o pánico entre os aldeáns ata o punto de abandonar ós enfermos por medo ó contaxio. Ó alcalde do municipio non lle quedou outra que solicitar o auxilio das irmás da caridade para que botasen unha man naqueles lugares máis contaminados e para afundirlle ánimos ós aterrados campesiños. Pero as fillas de San Vicente de Paúl, e como quen non quere a cousa, escusaron a súa presenza achacando que o seu instituto non lles permitía asistir ós enfermos máis que nos hospitais. Como se no século XIX fose fácil achegarse ós hospitais desde aldeas que, algunhas, ata poida que nin tiveran camiños. Así é que, mira, son pobres, estarán no cu do mundo e que Deus mire por eles. Menos mal que, pasados os días, as febres remitiron e a conciencia das irmás da caridade quedou máis tranquila.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES