Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xesús Alonso Montero, un erudito literario e cultural

viernes, 06 de octubre de 2017
Testemuñas da Memoria
Xesús Alonso Montero, un erudito literario e cultural

Hai xente que te conquista cunha mirada ou cunha ollada. Hai xente que te conquista cun xesto ou carantoña. Aínda que este molgués que escribe pensa que a mellor conquista que se pode levar a cabo é a da palabra. Logo, para máis aquel, o personaxe ó que estou a piques de homenaxear conquistoume coas dúas grandes formas da palabra: a escrita e a falada. A Xesús Alonso Montero xa hai moito años que o coñezo (sen coñecelo), desde moi novo, desde que empecei a ler libros ó torto e ó dereito, desde que empezaron a caer libros galegos nas miñas mans. E digo ben o de coñecelo porque penso que si se pode coñecer, polo menos algo, a alguén con tan só lelo. Agora, por se fose pouco, xa teño a sorte de coñecelo tamén por medio da palabra falada. Meu Deus, como me deixou o día que o oín por primeira vez!

Aconteceu o 27 de outubro pasado no Liceo de Ourense cando falou dun libro de Arturo Reguera. Foi empezar a falar e quedar un servidor cos fociños dunha cuarta, coma un pan, totalmente abraiado ante a labia e o saber desta eminencia das letras galegas e castelás. Empezou a contar anécdotas, principalmente políticas, e facíao con tanta paixón que ninguén dos que estabamos presentes na presentación do libro foi quen de cerrar por un instante o sorriso que se nos abrira tan axiña como empezara a falar. Repito: sabía e coñecía moito da súa escritura, pero non imaxinaba eu a súa locuacidade, a súa oratoria.

Logo, para canto máis aínda, vai e solta que, a pesar de nacer en Vigo, el sentíase, queríalle unha barbaridade a Ventosela (Ribadavia), porque de alí eran os seus pais e alí pasou parte da súa nenez. E xa se sabe que onde estea a infancia... Digo que ó soltar o de Ventosela, o meu sorriso ensanchouse aínda máis... veciños!, exclamei para os meus adentros (estou casado cunha excelsitude señora de Castrelo de Miño). Deberiades de saber que, para un servidor, a veciñanza é un estamento moi sagrado; polo que, tantos a favor para acabar de rematar a miña bendita relación e admiración por don Xesús Alonso Montero.

Como o libro de Arturo Reguera versaba sobre o encoro de Castrelo de Miño, máis en concreto, sobre as protestas políticas e culturais, aí don Xesús estaba no seu mundo. Aínda que non o escribira el, deume a entender que sabía todo iso e moito máis do que se contaba no mesmo. Empezou a contar e a narrar anécdotas de tal maneira que, sinceramente, estabas esperando que a súa "pequena conferencia" non tivese fin. A pena foi que a tivo. Pero tamén souben desde aquel momento que non quedaba outra que renderlle unha pequena e sinxela homenaxe por eses poucos minutos de éxtase. Niso estamos.

Ensaísta, sociolingüista, poeta e conferenciante, catedrático de Literatura galega e membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega. E filólogo. E crítico literario. E militante do Partido Comunista desde 1962. E, ante todo, profesor durante máis de 40 anos en primaria, secundaria, a escola de maxisterio e a universidade. Todo un erudito literario e cultural! E iso que di que Telecinco "educa máis que as 55 facultades de Letras que hai en España", no sentido, por suposto, de "conducir polo mal camiño, que dirían os curas". Si, señor, moi sabia a súa opinión.

A segunda parte da Guerra Civil pasouna en Ventosela, onde semella que ó ler El Quijote á luz dun candil forxou a súa inquietude literaria. Confesa que no seu porvir non estaban os estudos porque os seus pais querían que traballase nas viñas, pero ante o erro nun diagnóstico de sopro ó corazón, os proxenitores seica se puxeron a razoar o porvir de Xuso (como así lle chamaban): Que facemos con el?, preguntou a nai. E o pai, como se adoita contestar cando a sinceridade non ten volta de folla, soltou aquilo de: "se non vale para nada, que estude". Sinceramente, bendito falso diagnóstico do sopro ó corazón!

Confésase anticapitalista total. E hoxe máis ca nunca. Porque todo o que está sucedendo no mundo é pola cobiza e voracidade do capitalismo. E pon de exemplo o terrorismo yihadista, "que provén dos países nos que puxo as súas fauces o capitalismo porque non quixo renunciar ó petróleo. Dicían que era para levar a democracia". Xa. O que pensamos a gran maioría.

Falar de Xesús Alonso Montero sería o conto de nunca acabar. Pero o que si acaba é este espazo. Así é que a mellor recomendación para remitirvos a este erudito é a lectura dos seus libros. Neles, sigo pensando, é onde quizais se coñeza mellor a unha persoa. El, aínda hoxe, é todo un crack. E con case 89 anos. Saúde, don Xesús!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania