Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rubén Vila, moi fácil de ver

viernes, 29 de septiembre de 2017
Testemuñas da Memoria
Rubén Vila, moi fácil de ver

Hai moito que ando detrás del. E mira que é fácil de ver. Porque é aínda máis grande cós días de maio. Son 198 centímetros, é dicir, dous metros Rubén Vila, moi fácil de verque non poden pasar desapercibidos. Asegúrovos que non o pasa. O rapaz destaca. Pero non só pola estatura, senón pola forma de xogar ó baloncesto, hoxe xa, pola veteranía de xogar ó baloncesto. Certo, non sei para que nomeei ese deporte; con ese corpo a que ía xogar, o pobre. Para este molgués que escribe, a maiores da estatura e do baloncesto, tamén destaca por outras circunstancias.

Por outras circunstancias moi especiais para un servidor. Porque é fillo do Arturo do Viñal. E quen é ese? Pois ese señor tamén terá o seu espazo aquí (se el o consente), nas Testemuñas da Memoria, xa que foi unha persoa moi particular para min (rapaz, incluso máis ca ti). E porque Rubén Vila ó ser o fillo do Arturo do Viñal, e por moito que nacera xa en Ourense, para un servidor é veciño, veciño do Viñal. Aínda máis: a maiores, é neto de Ramón, O Ferrador, coñecido ata a extenuación por toda a contorna de Baños de Molgas e concellos limítrofes.

Entendo que a xente, o lector se coñece a Rubén Vila é máis pola súa actividade deportiva que polo parágrafo familiar que acabo de escribir. Porque este rapaz, e aproveitando a estatura (e outras técnicas, todo hai que dicilo, xa que teño visto a homes ben grandes que non saben botar un balón), axiña empezou a despuntar polas canchas de baloncesto desde ben cativo. Aproveitando que en 3º da EXB se mudou para os Salesianos (antes estudara nos Irmáns Villar porque alí daba clases a súa nai, e onde estea unha nai...) e sabendo que este colexio ten a súa importancia en cuestións deportivas, en xeral, e no baloncesto, en particular, case se pode dicir que foi aí onde empezou o auténtico Rubén Vila deportista, o que un día chegaría a formar parte, nada menos, que do cadro de xogadores do COB e, ollo ó dato, do Valencia.

Para o Valencia marchou axiña, estando en 3º de BUP, porque algúns espelidos, algúns espías o viron xogar e pensaron que cada centímetro dese rapaz tiña o seu aquel. Nas terras do levante español se nos tirou seis anos. Sendo rapaz era normal que compaxinase os estudos co baloncesto, como calquera fillo de veciño, polo que no instituto Baleares xa realizou todos os demais, é dicir, bacharelato, COU e selectivo. Quixo empezar empresariais na Universidade de Valencia, pero aquí xa deixou de ser calquera fillo do veciño, para pasar a ser un dos escollidos, que adestraba e viaxaba e se concentraba co equipo e volvía adestrar e viaxar de novo e a concentrarse de novo co primeiro equipo do Valencia. O asunto xa era serio, moi serio, ou sexa, moi profesional.

No ano 2003 volveu recalar no noso COB (neste xa estivera sendo infantil e cadete) co que chegou a xogar na antiga categoría chamada Ouro, ou sexa na primeira división, ou o que é o mesmo, a hoxe chamada ACB. Ó mesmo tempo e durante tres anos compatibilizaba os adestramentos e partidos coa ensinanza tamén do baloncesto nos Salesianos, un ano adestrando ós alevíns e dous ós cadetes. Cando rematou co Club Ourense Baloncesto pasou a pertencer ó ABO.

Aquí hai que facer un inciso porque o meu orgullo de pai tira un pouco ou un moito: resulta que chegou a coincidir cos meus cativos, polo menos nas típicas e famosas fotos de inicio de temporada. Claro que el xa era un home feito e dereito e os meus cativiños empezaban en infantil e cadete. Lembro que eu sempre estaba enriba dos meus rapaces: vedes ó número 11. É Rubén Vila, o fillo de..., que é do..., unha aldea de Baños de Molgas. Non vos esaxero se digo que cheguei a aburrilos co asunto do número 11 ou Rubén Vila. Non obstante, non fun capaz de dicirlle a Rubén, ponte aquí cos meus fillos para unha foto. Maldita timidez a miña! Agora xa me deixaron o baloncesto; unha pena.

Perdón polo inciso, Rubén, pero... son fillos. Sigo. Do ABO aínda marchou por dous anos para o Chantada e, agora, que eu saiba, xa volve estar nos Salesianos, onde empezou. Ben certo é iso de que nos gusta rematar todo onde todo se empeza. Vai para 38 anos e segue; o que demostra que ama o baloncesto. Outro calquera xa o houbese deixado. Segue combinando o amor por ese deporte co seu traballo de funcionario en Barbadás, o que significa que o teño aí, á volta da esquina.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES