Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O neniño non encolle

miércoles, 27 de septiembre de 2017
Esta semana atopeime cun vídeo de Aspace que tenta normalizar a presenza das persoas con parálise cerebral. A iniciativa consistía en que unha persoa en cadeira de rodas no medio da rúa tiña enfronte de si unha cadeira agardando compañía. Quen alí se sentara podía escoitar as súas experiencias e descubrir con calma o que é vivir con esta lesión. Digo lesión e non enfermidade porque o primeiro caso reflicte unha situación derivada dun feito puntual que é como é pero non ten porque levar consigo un proceso dexenerativo como a enfermidade.

Alén disto, quen me coñeza sabe que xamais me sentín un enfermo senón unha persoa como tantas outras que funciona dun xeito distinto.

O caso é que quen vive cunha diversidade funcional sabe que hai actitudes moi distintas por parte da xente que nos rodea. Unha das máis correntes, incluso dentro da familia, é a de sobreprotexer. Non hai dúbida da boa intención de quen a practica pero inconscientemente está prexudicando a autonomía e, polo tanto, a liberdade da persoa. En todas as familias e no entorno directo da persoa, téndense a dar estas actitudes que, pouco a pouco, se van corrixindo ao visualizar o potencial e as mellorías que día a día consolida a persoa.

Cando chega a adolescencia, o lóxico é tirar polo grupo de pares para ir construíndo espazos de liberdade que, pouco a pouco, se van ampliando. No caso da diversidade funcional, custa moito confiar o benestar da persoa aos amigos. Non en tanto, o feito de facelo será unha ensinanza para todos.

Naquela etapa en que un empeza a saír de noite, os curmáns e amigos próximos convertéronse nun apoio fundamental. Non por obriga senón por auténtico cariño e interese mutuo en facer unha vida xuntos; grazas a isto, hoxe temos moitas anécdotas que contar. Nunha ocasión, ameazaba chuvia e unha tía díxonos: “vai chover e o neno vaise mollar na silla”. Ao que miña curmá Sabela respondeu dun xeito rotundo e inesquecible: “ o neniño non encolle”. Sobra dicir que as risas foron longas.

Hoxe quero que a reflexión espontánea de Sabela se faga viral en todas as conciencias. Aparte de mollarme cando non hai máis remedio, dúchome a diario e, de momento, non noto sinais de encoller; polo tanto, quero seguir vivindo en plenitude, mollándome no sentido literal e no figurado porque a verdadeira perda é non ter vivido momentos que nos gustaría vivir e que tivemos a oportunidade de facelo. Mellor vivir mollado que perder oportunidades por manterse sequiño.

Tendo na vida persoas como Sabela, non aproveitala debería ser un delito imperdoable...
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania