Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mar da Chaira

Blanco Torrado, Alfonso - martes, 26 de septiembre de 2017
Nestes días sentímonos acariciados polo “mar do norte” que motivou a Alvaro Cunqueiro. As vilas e aldeas da Chaira solprendéronnos ateigadas das naves “De volta a Ítaca”, son os cartaces de Xosé Manuel Seixas, o timonel sociocultural de Castroverde.

Este abrente azul espertounos da rutina grazas ao inxenio e a paixón da Federación de Asociacións, as FeAs, que aproveitando o vento sempre propicio da Terra Chá botáronse a sucar os nosos ríos, berrando a popa e proa, os versos de Díaz Castro: “Ei, Terra Verde e Mar de Orballo,/Polpa dorida se as hai!/Ás túas portas perdín todo/cheiro alleo de terra ou mar/e agora, ó caer no teu colo,/oio pacer a canto hai!”.

Somos dos que cremos que as artes son un xeito de coñecemento da contorna e a mellor vía para transmitir as esencias e o misterio das criaturas. Emporiso o Festival “De volta a Ítaca” que imos celebrar o vindeiro sábado, día 30, en Castro de Rei, ao pé do Azúmara, vai mergullarnos neste océano de cultura e sabedoría que é a Terra Chá… Unha xornada a rebordar música, poesía, xogos tradicionais, roteiros, teatro, merendas…

É un convite a axudar a converter a Casa de Díaz Castro no Fogar das e dos poetas dos ríos porque estas veas azuis de sangue son as que nos fornecen de saúde neste “mar de terra verde” que habitamos, o que nos descubreu este poeta...

Os roteiros deste festival son coma os afluentes máis fecundos que van fluir con centos de romeiras/os dende Pol, Muimenta, o Castro de Viladonga e dende todos os peiraos deste “mar en calma” que canta Manuel María e que dá nome a poboacións de Castro coma Azúmara ou Castro de Ribeiras de Lea… Ao abeiro desta travesía fluvial estamos a medrar na saúde que nace da capacidade que temos de unirnos para dar máis pulo ao noso leito, ao herdo dos nosos devanceiros, ás nosas raíces…, as que en Castro de Rei están a lembrarnos o noso pasado castrexo, romano, medieval…, e tamén este presente vizoso, o do regreso á Ítaca que profetizou Díaz Castro: “Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron...”.

Xa estamos aquí, arribando coma Ulises á ribeira do Azúmara, sen perder a enerxía do seu Pai Miño que integra as distintas comarcas do país.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES