Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conflito xeracional (12)

martes, 26 de septiembre de 2017
Conflito xeracional (12) -...

-¡Avoíño, quieto aí! Céntrame esa cámara, a do número dez, que enxerguei algo moi interesante, tamén aí, na feira. Daquela, cando axustabas as panorámicas, pareceume ver que sae o indicativo PGC 13 LU. ¡Si, si, aí a tes; era a mesma!

-Pois, meu fillo, por esta banda só se ven dous mouros detrás dese carballo, en plan de esperar por alguén. Nótase que eses rapaces acaban de chegar do Magreb; e ademais son fundamentalistas, que aínda traen a cabeza rapada.

-Un respecto, avoíño; ¿que che custa chamarlles musulmáns? Iso de mouros é un despectivo que che quedou daquelas xenreiras do Marrocos; poño por caso, aquel atentado que padecestes, no cincuenta e sete, dun camión do Istiqlal que vos atacou de fronte, en Safí, nunha recta, e que case lle custa a vida ao tío Pedro, meu padriño. ¿Non dis que a auga pasada non move nos muíños? -Corrixiume o rapaz, que ben sabedes o culturetas que é; ¡mesmo me fai pasar polo cu da agulla!

-Mouros, morenos ou musulmáns, como ti queiras, o caso é que logo parecen dous zorros atusmándolles ás pitas.

-Avó, non sexas racista. Meus pobres; están así porque andan á procura dun traballiño manual.

-¡Quen nolo ía dicir, a mediados deste século, que aqueles folgazáns de África virían a Galicia..., facernos o traballo!

-Foiche un castigo de Deus por desatende-la encíclica Humanae Vitae. Con aquela teoría do fillo único, moitos libráronse de dar lexítimas curtas..., ¡e agora, xa ves!

Aquel día o neno estaba pelma, pelmazo, implacable, cadora máis. Retruqueille:

-¿Es ti quen o di? ¡Peor foi o teu caso, que mira que vir ao mundo para vestir unha careta de amianto...! –Defendinme atacando, que seica é a mellor defensa.

-Pola miña parte, eu penso acabar con este andazo..., ¡para volver á ciencia natural! A propósito, ¿sabes se a miña neneira, esa Fili, ten fillas?

Sorprendeume aquela estraña ocorrencia, así que lle respondín:

-¡Non, ho; cómo as vai ter, non ves que é solteira!

-Dirás que está solteira, que non é o mesmo. A túa precisión gramatical pouco mellor é cá do teu veciño Xoán. Porén, ese Xoán e maila Fili...

¡Deus, por onde me saíu esta criatura impredicible! Tratei de informarme, a fondo, por se entendera mal aquela insinuación:

-¿Pero, meu neno, qué ten que ver ese Xoán coa nosa Fili? -Subliñeille.

-Polo de agora, nada; mais, se esa Xoana se fose definitivamente...; ¡co Muiñeiro, entendes! Daquela podías arranxar un encontro na terceira fase... ¡Vexamos: cromosomas 3A, positivos, do grado 727, conxuntados, en quente por suposto, cunha dose de cromosomas tipo 2B negativo, de grado 272, en conxunción Virgo, e activados no chin-chin ata 2.000 radiacións gamma 30+, dan...; ¡chispas, xa o teño! ¡Case cen! Faltan unhas décimas, unhas gorgas de nada, para o cento... Óptimo total, perfecto: ¡unha superespecie, o superhome deste século, do XXI! ¡Eureka, que dixo Arquímedes!

-¿Xa estás outra vez coa enxeñería, con iso das fórmulas xenéticas, transxénicas? ¡Esa cabeciña túa, saturada de bits...! Se meu avó levantase a cabeza, a pesares do listo que era o pobre, tolearía con estes adiantos, que xa case toleou nos seus tempos cando viu o tren pola vía, ¡e comparado con isto...!

-¡Avoíño, a civilización éche así; avanza en progresión exponencial, desprazándose con tendencia ao endeusamento, ao infinito! Diso que falabas, que tanto te asombra...; ¡é que me chifra a biorgánica, que será o mellor campo experimental do novo século!

Deume pena, afellas que si; se fose hoxe, co visto, visto, e co sabido, sabido, aquilo da súa inxección..., ¡nin ao carneiro marón, nin ao peor dos meus inimigos, e iso que teño por onde escoller!

-¡Meus pobres…; e menos mal que seica hai outros planetas habitables..., para cando vos sexa imposible vivir neste, que iso anda cerca! Pero, a todo isto, aínda non me dixeches qué chispa é esa que che saíu nese experimento, niso da abstracción mental. ¿Coidas que podes recicla-lo Xoán? ¡Mal te vexo, que é un cavernícola; paréceme que nin coas inxeccións dos bits líquidos!

-¡Facilísimo, avó! Escoita: Collemos ao Xoán, que é un exemplar retrógrado, animal puro, ou sexa, un 13 A + + + ; por tanto, sen as degradacións medio ambientais do homo sapientísimo; quere dicirse, con defensas orgánicas do máis puro Cromagnon. Ti preséntaslle a miña Tata, esa Fili, cun pretexto calquera; por exemplo, invítalos aos figos da figueira moura; ¡por separado, eh! E cando teñas aos dous xuntos, aquí, no noso pazo, lévalos ata esa figueira, que casualmente deuche por plantala detrás dese palleiro que te emperraches en conservar con palla do século XX, coma se fose un museo agrícola, daquela, cando aínda non colectabas tremesiño hormonado...

Despois diso, déixalos sos, aos dous, con outro pretexto, con calquera, que o resto virá por..., ¡pola lei da horizontalidade humana, que ese home ten obsesións fornicatorias, aínda que con pouca potencia, pero como a resistencia da Fili coido que será exigua, daquela, aos meus efectos..., balance seguro, positivo! ¡De rectus, que dicían os estrategos romanos!

-¡Ah, pillín; xa te entendo, xa; pero o malo é que nese xergón hai pulgas, ás presadas, que adoita tombarse nel o noso can, o de palleiro! E logo que este Xoán, sen esa polbeira da pota grande..., ¡non sei se fará feira, que anda desnortado!

Nada, que o neto preveuno todo, absolutamente todo, afeito que está aos traballos analíticos, aos do seu laboratorio:

-Por iso, que o comer e mailo rascar...; ¡coas pulgas mellor aínda, moito mellor, que fan de reactivo! Así que, entre os figos espapallados, que ofician de afrodisíacos, e maila invasión das pulgas, nese palleiro tan acolledor...

Tiven que conformar, pero coas miñas reservas:

-Animarse coa Fili, deitadas así as cousas, é fácil, para calquera, pero, despois diso, ¿que fas coas consecuencias? ¿Non quererás que as adopte eu?

-¿Aínda non está claro? ¡Avoíño! ¡As consecuencias serán que dese xeito caso coa filla resultante, unha moza robusta pero submisa, obtida como de encarga, do Xoán e da Fili! E a partires diso, nin probetas nin raios, que eu volvo ás técnicas ancestrais do Xacobe, ¡doce fillos e trece fillas! Xa verás qué pronto volvemos a ter unha raza autóctona, primitiva, saneada, de gran vigor físico, aquí, nesta terra do nabo, neste paraíso de Lugo. Con iso, mutatis mutandis...

Para saír daquel abraio tentei cambiar de tema:

-Entre o que dis, o que imaxinas, e mailo que braceas, aí, nese berce-laboratorio...; nada, que estiven distraído e non percibín qué están a falar eses dous...; eses dous musulmáns, con ese labrego que se lles achegou, fai un intre.

-Tamén será que tes mal graduado o audiófono. Desde logo, avoíño, ti es unha ola de barro, e para iso, escachada: sonetone, lentes, prótese implantada, perruca...; ¡nada, unha olería, das do século XX!

-¡Chist, cala, que parece que discuten! A ver que...

Aquela conversa oímola tan nidia coma se estivesen a dous pasos de nós, ¡tan ben que funcionan estes aparellos espreitadores! Este foi o trato, tan ominoso e tan criminoso, que lles escoitamos co noso sabuxo radiotrónico:

-...

-Nosaltres, Mohamed et Muá, estar aquí co peto baleiro; ¡sen flus, Paisa!; pero mil dólares por quemarle de buá a tu vecino, por cuatro puntos a la vez, ser questión kevira. ¡Tu, Paisa, estar mareda! ¿Non ser bastante fuego dos puntos; mi por Este et compañeiro por Oeste? ¿Que no? ¡Y encima, madrugar, levantarnos antes que tu vecino..., para después funguir cara a la Meca..., antes de que Guardia Civil tocar pito...! ¡Es poca muna para tan alto riesgo!

Aquel paisano sabía tramar, que nin que fose da CIA:

-¡O pito tócase no Magreb, que aquí, os Civís, usan sirenas...! Ademais que, para iso, escollemos un sábado, cediño, cando as forzas da orde estean desordenadas, ou sexa, no primeiro sono, cansas de poñer silencio neses cabarés da bisbarra. Digamos que ás cinco da mañá...; e vosoutros, daquela, dádeslle ao chisqueiro; pero, iso si, con pedras de África, das boas, desas que non fallan. Eu poño o talking-walking na frecuencia da Garda Civil, ¡para avisarvos de se hai mouros na costa...! E logo que vos pago ben, ¡vesaf flush, que din no voso Magreb!

Pero un daqueles magrebís cabreouse, moito, e con toda razón:

-¿Que di este Paisa majara, que di de nós, dos mouros na costa? ¡Al-lah iasjat! Por cien mil yenúns... ¿Abdelah, zurrámoslle?

Sen dúbida; aquel paisano víase nun apuro e deu en bracear:

-¡Non, ho; quietos! ¡Pas d´problème! Deixádeme, que non se trata de mouros de verdade, de que haxa mouros na chousa do veciño... ¡É unha forma de falar que temos aquí, que nos vén da Reconquista! Eu, o que quixen dicir foi que, que vosoutros levedes un aparello destes, e eu, co outro, que xa teño a frecuencia, comprobo se os Civís lle dan á sirena, ou se continúan serenos na piltra, que así dávos tempo para meterlle lume á chousa do meu veciño, por arriba e por abaixo, todo ao redor; ¡por se cambian os ventos! ¿Estamos, rapaces?

-¡Por catro puntos, no, de ninguna manera, que ser trabajo de negros, et nosaltres sólo semos mouros de la morería! Ademais, aquí, este Paisa, Mohamed, estar mareda, sempre mareda, desde que pasou o estreito, ¡a nado! ¡Porca miseria, gualo baraka! Total, que fuximos dun deserto para facer otro, tal cal, co noso chisqueiro; ¡e encima diso, barato, barato! ¡De lo dicho, narai, Paisa! ¡Uach-ajmakti ajuya!

-¡Claro, comprendo; comprendo os vosos latixos, as vosas mesturas: estades mareados porque vos senta mal o Ribeiro! ¡Falta de costume; supoño que será por iso do Al Qurán...!

-¡Me non, Mesié! Mareado, non; ma-re-da, enfermo; ademais, semos alérxicos ao xarope da Garda Civil. ¡Se aínda cobrásemos en traveller´s certificados, que a saber se os teus billetes, de tan novos, non estarán falsificados..., daquela, walo mahenduch!

-Debera pagarvos noutra cousa: en cús-cús balorentos..., ¡por folgazáns! ¡Sexan, sexan..., entón..., dous mil dólares! ¡Ai, ho, qué máis queredes! ¡Sáenme caras esas pedras do voso chisqueiro!

-¡Máis gañará vostede..., cando ansí nos paga, Mesié Ramón!

-¿Eu? ¿Gañar, eu? ¡Cómame o demo se un peso lle quito á madeira! Aquí do que se trata é de que no outono veñan as chuvias, e daquela arramplen con toda a broza, coa cinsa da chousa dese veciño, para o meu prado das sete cancelas, que está mesmo da parte de abaixo desa chousa; así quédame abonado para cento un anos, ou sexa, por vida de tres, ou de catro, Reis, ¡pero, iso si, por dous mil dólares!

-...

Moito me escandalizou aquela espreita tan subrepticia. Expreseillo así ao meu neto:

-¡Ai, ho, non facía tal cousa dese rapaz, do Ramón, un veciño piromántico, ademais de piroleiro, pero sempre o tiven por honrado! ¡Que cara, aproveitándose deses mouriños chapurreiros, meus pobres, que andan de país en país, coma os xitanos, mesturando verbas e á busca de catro moedas!

O meu neto comprendeuno, mellor cá min:

-Avoíño, ti es un inxenuo; ¡vés doutro século! A esta figura, á ética do Ramón, en psicoloxía aplicada, chámaselle competitividade agresiva, ¡ergo, rendible! Ten o seu mérito xa que require coñecementos universitarios, incluso edafoloxía.

-¡Ai, mundo, mundo, que con isto visto e sabido, éntranme outra vez unhas ganas tremendas de irme ao outro barrio, ao definitivo, que ata non sei se merque un auto suicida, deses que fan douscentos por hora, e daquela...!

O neto, coa súa valentía innata, ademais da adquirida; co seu cacume, que ademais do aportado polos xenes dos seus proxenitores, xa dixen que foi reforzado con aquela inxección dos bits líquidos, tan só admitía que se suicidasen os loucos, e deses, os profundos, así que nin contestou á miña broma. Daquela cambiou de tema:

-Velloufas, falando dos autos veloces: podiamos facer algo mellor, tal que un seguimento deses que están saíndo, arestora, desa feira. Dálle ao control remoto das cámaras satélicas. ¡A ver; si, aí, no catorce punto tres, que é precisamente o de Tráfico deste Sector!

-¡Pero mira que es enfexo; nin que eu fose un asistente! Aquí tes o telemando, para que fagas zápping; e así, agora que estamos nesta conexión furtiva coa Garda Civil, podes recorre-las setenta estradas do noso circundo, punto por punto. ¿Váleche? -Púxenme acre con aquela nova esixencia dun rapaz tan..., ¡imparable!

-¡Avoíño, cánto discorres para non traballar, para non molestarte por min! -Roñoume, ¡e ían cen! Con iso encheu o vaso da miña paciencia.

-¡Este rapaz, qué cara ten! ¿Se non fose polo meu traballo, e polos meus aforros, polas privacións destas familias, da de teu pai pero tamén desta, algo tamén, cómo pensas que houbésemos chegado á túa sabedoría? ¡Dez quilos que custou aquela inxección, a túa, aquela dos bits líquidos, que a metade pagueilla eu, in person, ao propio Ansur..., sen que o soubese túa avoa, pois nesa clase de milagres ela non cría, ou máis exactamente, renegaba!

-Grazas, pero iso carece de mérito; son obrigas vosas, xeracionais, dos entregos; ¡os deberes sempre son dos pais, e no seu defecto, dos avós!

¡Ai, Deus, ter que aguantarlles isto aos netos, a estes mocosos, que todo o atopan feito, feito e pagado! ¡Daquela, na miña crianza...; oh, qué diferenzas!

-¡Xa vexo, meu neno, pois, como di o refrán, cría corvos, que che quitarán os ollos...; e encima diso, un simple Grazas! ¡Que razón tivo aquel que lles chamou traumas, conflitos xeracionais!

O rapaz, nin caso; saíuse polos seus arrós:

-¿Oes...? Cala un pouco, pois falando de ollos, ¡que vexo! Si, nesoutra pantalla, na 4-H-3. Daquela fíxate no noso Xoán, que sae desa feira; ¡e sae só!

Como adoitan facer tódolos yuppies agresivos, ¡que se non son agresivos xa non son yuppies!, este rapaz, o meu, este neto bítico, sempre refuga os temas que non lle agradan, e daquela vaise por onde menos se espera. Nestas dialécticas, perdidas de antemán, o mellor é seguirlle a corrente.

-Conforme; daquela atendamos á 4-H-3, pese a que ten un contraste excesivo... -Acepteille, resignado.

-Vou centra-la cámara fixa, aí, nesa Praza do Rolo, que neste momento aparca o noso Xoán, diante da Cafetería Xenebra. ¡Víase vir! Está claro que de tanto visitar o bar da Hélène, a partires diso falará en francés coa Xoana, ¡con esa Xoana compartida...!

-¡Niso, conforme; estou contigo! Ademais, que desta volta xa non vai a Benidorm, pois o valor dun cocho vaillo deixar á súa madame. ¿Cando notarán estes veciños que esa Hélène rechea as botellas do whisky Chivas? ¿Eh, qué fas? Rapaciño, as mans quedas, e non xenegues con ese telemando, que se nos vai a imaxe. ¡Para nese punto, que algo está pasando, algo importante!

-Xa o intuíra eu, desde o principio desta secuencia. Por iso...

¡Mecachis coa petulancia e coa inferencia! ¿Por qué lles será tan difícil, aos listos, evita-los seus avasalamentos?

-...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES