Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Foliada de San Xoán

viernes, 22 de septiembre de 2017
Remata na Igrexa de Santa María a exposición escultórica de Xoán Vila.

Con este nome, “Foliada de San Xoán”, Xoán Vila fainos presenza dun novo espertar escultórico, sobresaltado por un expresionismo exultante que nos mantén absortos e preocupados nese mundo encantado por seres tan antigos, que parece que tiveran algo que ver coa creación do mundo, e Xoán está no medio dese universo no seu estudio, nese proceloso escenario de seres que parecen saídos da guerra, da peste, da fame, da entelequia, da desvergoña, da ironía; que camiñan polo tormentoso cosmos das ánimas que se nos aparecen na Santa Compaña da vida, desfigurados polas dores, polas queixas, polas deficiencias, mais incardinados en múltiples e complexas virtudes talladas pola gubia de Xoán Vila en peregrinaxe á Foliada de San Xoán á procura do que lles falta.

Xoán Vila fai así as súas personaxes, algunhas cheas de vicios, outras ateigadas de virtudes, pero sempre marcadas e feridas pola súa alma cunha inquedanza que perpetuamente levan dentro delas mesmas e maniféstanse aos que esculcamos a súa materia remozados de angurias e de desexos.

Son seres perdidos no mundo dos mundos, na galaxia que se ergue como continente da terra. Son seres telúricos que arrincan belezas doutros mundos que teñen nomes insólitos pero afeitos á nosa Galiza, á nosa terra que se escombra e que vai perdendo a súa identidade. Son figuras de foliada como as do San Froilán do dezanove, ou do San Froilán extragaláctico, mais tamén do Medievo, como as gárgolas das igrexas románicas ou góticas, ás veces bifrontes e algo quiméricas, coas bocas pasmadas de asombro, abraiadas polo que pasa, nun pasmo eterno, nun prodixio que sorprende, nunha sospeita abraiante, nunha materia inconclusa. Pánico dos seres míticos tocando a gaita ou a pandeireta nunha homenaxe á cultura popular escenificada nunha foliada onde os escorzos en posicións inverosímiles tratan de acadar a esperanza que é pasalo ben na troula que en sensaciós de dificultade arroutada polos xestos da alma e da dureza feita para o traballo e que agoiran quizais a dureza da morte cun medio sorriso arcaico e quizabes románico.

Xoán é un bruxo esculcando a materia entre implementados seres do alén á procura do aquén. Loucuras indefinidas que degoran o non sei qué, ou quizabes a falta de algo, ou de alguén, se cadra, dalgún ser lendario e antigo que se retorce entre os sentimentos dun Xoán Vila imposíbel, dun deus creador dunha beleza antiga e dinámica. Curva sobre curva que endeusa e engrandece a vida. Silencio entre silencios e seres que tamén sofren ou se cadra son así, sen máis, coas súas taras e coa súa beldade pristina e descoñecida polos seres humanos que estamos exhortos dunha beleza imposta, pero a beleza de Xoán Vila é outra, tan bela como a dos coros celestiais onde os seres vanse desprendendo e formando pezas na mente creadora e transversal do noso escultor.

Retorcedura na imposibilidade dos seres agrupados entre as ás dos castiñeiros desenvolvendo novas vidas entre a novidade surrealista, cun brutal expresionismo que arrodea aos seres de formas inacabábeis, porque os ollamos e vemos máis aló da expresión, nun mundo máxico que se prolonga nas noites e nos días desas figuras desfiguradas.

Himnos ao ser, á vida, ao sentimento, á cultura e ao arroubo do autor nun cambaleo de formas inconclusas que procuran o alén traído polos deuses dun novo espertar cinguido de beleza na violencia das formas.

Ave Xoán! Estás inconcuso na creación inxente dun intelecto que te desborda.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES