Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os suaves e o dedo de Maritxell

viernes, 22 de septiembre de 2017
Se teño que quedar con unha ou dúas fotografías, de todas cantas teño visto estes últimos días e que teñan que ver co estrondo convivencial que está a piques de estourar ó outro lado da península, polo seu simbolismo quedaría con tres. Mellor dito, con dúas fotografías e cun vídeo que pasou pola actualidade coma unha irreverente anécdota, pero que constitúe, sen lugar a dúbidas, e máis atinada alegoría do que está a pasar arestora, para ledicia catódica dos seus temerarios protagonistas.

A primeira foto -seguro que a ten visto nalgún medio- é o dedo de Martixell Batet, a coordinadora do PSOE no Congreso dos Deputados, apuntando firmemente ó ceo e sinalando, con tal actitude, o sentido colectivo do voto que o seu partido decidira nesa sorte de inoportuno ataque "máis papista ó Papa" que nantronte lle entrou ó líder de Cidadáns, Albert Rivera.

Quedo con esa foto porque, máis alá da súa espectacular tersura, representa dúas alegorías contrapostas. A primeira, a gran mentira que nos conta a cotío esta democracia parlamentaria que non permite a individualidade intelectual e ordena e manda -co dedo firme e acusador- o sentido colectivo do voto, incluso en momentos da tanta gravidade institucional para o futuro da nosa convivencia coma os que estamos atravesando.

A segunda das razóns é porque, paradoxalmente, ese dedo pertence a quen na súa propia carne (catalá do PSC casada e separada dun cántabro do PP) está sufrindo dalgún xeito os dolorosos efectos da ruptura convivencial que todo este debate emancipador acabará provocando -se non o está provocando xa- no día a día da sociedade catalá en particular e española en xeral.

A segunda foto é unha que por casualidade vin onte mesmo no muro de facebook do número dous da Consellería de Oriol Junqueras, o meirande alto cargo da Generalitat detido, Josep María Jové, cunha invitación de voda sobre unha camiseta de Los Suaves e que me levou a pensar, ademais de na singular querencia do secretario xeral da vicepresidencia catalá polo rock "nacional", na confirmación do convencemento que eu tiña de que ben pola banda de Laípo ou pola de Lestrove, simbolicamente Ourense non podía ser alleo ó denominado "procés".

E a terceira non é, se non, o vídeo que hai unhas semanas publicou na rede esa sorte de seres antisistema que saben pescar coma ninguén nas augas bravas e que eles mesmos titularon "agora comeza o mambo".

Cando vin a furgoneta despenándose pola canteira e ós dirixentes da Cup felices e contentos ollando para o precipicio e bailando o mambo, dixen para min: "Velaí o guión do proceso. Tan obvio, tan sinxelo e tan transparente que só nos demos conta cando, coma un meteoro, acabou por nos caer por riba”.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES