Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sarabela total

jueves, 21 de septiembre de 2017
Non hai coma un día outonizo para unha tarde de teatro.

Non sei se alguén dixo isto. Se non o dixo ninguén pensando na excelente combinación ou na magnífica maridaxe -que seguro que si-, queda agora aquí escrito.

Pensei nisto nantronte, xa de noitiña, cando saín do Auditorio da capital logo de ter transitado pola miña soidade a carón da soidade doutros moitos fronte a escena onde transitaba a soidade do actor fronte á -onte aprendín que se chamaba así- a "cuarta parede".

Fíxeno logo de ter pasado arredor dunha hora de fermosas sensacións -que para iso vai un ó teatro- polas que nos fixeron pasar os actores e as actrices de Sarabela con esa nova proposta escénica que acaban de estrear e que baixo o título do "O rei morre" mergúllanos a todos -actores, actrices e público- no nebuloso e fluído teatro do absurdo.

Non é a primeira vez que a asistencia ó teatro de Sarabela me provoca escribir, sen ser eu -nin moito menos- un crítico de teatro, porque cada vez que saio dunha obra súa, saio coa sensación de ter sido un actor máis -pasivo, pero actor, á fin e ó cabo-, e iso significa, ou debe significar, que cando se dá esa comuñón é porque, alén da obra en si mesma, aqueles que a representan teñen unha capacidade singular e realista de transmitir que no caso dos Sarabela vai "in crescendo" a medida que os anos van cubrindo de pátinas de experiencia as súas vidas de artistas.

Hai, se cadra, unha perspectiva filtrada polo afecto da que non son quen de me abstraer -non o sei- cando asisto a algunha das súas representacións. Pode ser. Pero iso non obsta para poder analizar a súa presenza no escenario coa obxectividade do espectador que volve para a casa mastigando algunhas escenas da obra ou daquel outro que tan pronto abandona a sala muda os seus rexistros mentais e retorna ós pensamentos mundanos.

E dende esa obxectividade debo dicir que con esta obra o pasado domingo pola noite tiven a oportunidade de ver ó que denominaría "Sarabela total" porque son tantos e variados os rexistros escénicos que, tanto Nate coma Sabela, Fina coma Fernando, lle amosan ó espectador nese teatro do absurdo no que se mergullaron a través da obra de Ionesco, que os ourensáns debemos sentirnos orgullos por poder contar cunha compañía residente na cidade á altura das de calquera outra cidade do mundo.

Sei que as tres mulleres non se van enfadar por poñerlle o ramo deste xeito á columna, pero non quixera rematala sen salientar a versatilidade escénica que nesta obra lle regala ó público Fernando Dacosta.

Unha gozada, pois, poder presumir unha vez máis porque o teatro de Ourense teña como mascarón de proa ós amigos de Sarabela.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES