Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Autores de culto

miércoles, 20 de septiembre de 2017
Na Historia da Literatura universal hai voces que, por unha ou outra razón, foron sentidas como admirables singularidades de escura estrela. Son autoras e autores percibidos como anticonvencionais, en non poucas ocasións iconoclastas e, decote, contracorrente. A súa escrita, mesmo o seu proceder como intelectuais, desafiou as normas da sociedade ben pensante do seu tempo e situounos nun limbo ao que só a súa escolleita lexión de admiradores foi quen de chegar. Melancólicos unhas veces, insurrectos revolucionarios noutras, tamén misántropos incorrixibles en ocasións, en non poucas ocasións apúxoselles a etiqueta de ‘autores malditos’, que coido unha certa simplificación da variabilidade de xornes que baixo esta denominación se acolle, á que talvez acaia mellor a de ‘autores de culto’, sobre todo se temos presente que ao fondo da escrita destes só se chega por camiños pouco adoitos, tamén menos obvios.

Polo que conto, moito me prestou a lectura de Damned Writers, o Autores de cultovolume de Ángel Antón Svoboda traducido por Maruxa Zaera Landeira para a Editorial Bululú, que o publica en galego acompañado das fabulosas ilustracións orixinais do propio autor.

Damned Writers, pertinentemente subtitulado “23 autores de culto”, achega perfís literarios doutros tantos autores da tradición occidental, especialmente de fala inglesa, tamén de expresión francesa, castelá ou alemá.

Presentados nunha dobre plana cunha ilustración que sangrada a toda páxina dereita, a esquerda resérvase para a caracterización do escritor nunha tripla abordaxe: unha ‘beizón’ súa, unha ‘maldición’ e as súas ‘obras destacadas’. Da súa parte, a carón do orixinal retrato de cada autor figura tamén unha sentenza que este proferiu e que o define dalgunha maneira.

Kafka, Artaud, as Brontë, Wilde, Mary Shelley, Carroll, Aphra Behn, Lovecraft, Woolf, J. Kennedy Toole e T. Ducoing Toole, Katherine Mansfield, Poe, Alfonsina Storni, Horacio Quiroga, Baudelaire, Alejandra Pizarnik, Rimbaud, Emily Dickinson, Verlaine e a nosa Rosalía de Castro son as creadoras e creadores que desfilan pola obra da man de Svoboda, mercé ao cal descubrimos que Kafka sufriu un pai autoritario e despótico, o que poida que explique en parte a anguria da súa escrita; que Wilde se viu atrapado pola súa vivencia homosexual, que a incomprensión da súa época lle fixo pagar; que Carroll o pasou realmente mal sendo tatexo e epiléptico, amais de namorar con facilidade de púberes; que Lovecraft medrase cunha nai que o chamaba feo, o vestía de nena e lle dixese que ía ser toda a vida un inútil; que Pizarnik se fixo adicta ás anfetaminas e acabou con crises depresivas que a levaron a rematar os seus días cunha sobredose de barbitúricos; que Dickinson namorara dun pastor protestante e logo de súa cuñada, pero que acabou autoimpoñéndose a vida en soidade sen saír da súa casa durante lustros ata que morreu, entre dores terribles, polo mal de Bright; en fin, que Verlaine e Rimbaud, tiveron unha relación tormentosa e violenta, adobiada polo haxix e o asente, unha vida perdularia que acabou facendo que ambos os dous morresen prematuramente.

Este Damned Writers é lectura máis que grata. Compensa, e moito, viaxar por este “clamor de voces apaixonadas e fascinadoras”, como acerta a definilas no prólogo á obra Fernando Mircala. Concordo con este en que o traballo de Svoboda “non é un catálogo de autopsias ilustres, senón unha botica de primeiros auxilios vitais destinados a sandar as feridas da inxustiza e as infeccións da fatalidade, que haberán curar a través de nós, lectores presentes e futuros, os traumáticos males que envelenaron de maldición a beizón coa que foron distinguidos aqueles admirados e escuros anxos lúcidos”. ¿A que están esperando para ir procuralo á súa librería habitual?
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES