A Deputación de Ourense concedeulle o premio Ourensanía a Miguel Ángel González por ter sido, se cadra, o deportista ourensán que máis altas cotas de recoñecemento acadou no ámbito internacional que nunca

esqueceu as súas raíces, que aínda hoxe reivindica dentro e fóra de Ourense. Tales foron os méritos que o xurado considerou para tal distinción institucional.
Por volta dos anos oitenta, servidor era funcionario do Concello de Redondela e xefe do seu servizo de normalización lingüística en tempos de moitas ilusións e propostas imaxinativas para espertar na cidadanía o orgullo da galeguidade e a defensa dos seus valores patrimoniais. Foi así como deseñei unha campaña publicitaria sen precedentes na historia de Galicia cun enfoque atractivo, e valéndome de personaxes daquela con grande proxección pública en cadanseu ámbito. O rubro da campaña Sinte Galicia, fala o teu idioma- campou en grandes cartaces deseñados por Manolo Janeiro e Paco Mantecón que entón eran parella na arte do deseño, dos que se editarían cinco mil exemplares.
Despois de darlle moitas voltas á nómina de persoas para aquela ambiciosa campaña publicitaria decidín escoller trece que eran moi familiares para o común da xente. Púxenme en contacto con todos eles para pedirllela colaboración que consistía nunha frase a prol da lingua galega coa súa sinatura caligráfica.
O actor Fernando Rey elixíu esta: Porque o galego sexa a lingua propia de Galicia. Camilo J.Cela:Usa o galego, demostra que estás orgulloso da túa lingua. A muller do tempo nos telexornais de TVE, Pilar Sanjurjo: Desenrolemonos sobre as nosas raíces.Falemos a nosa lingua. Monseñor Araúxo, Bispo de Mondoñedo-Ferrol: A Deus tamén lle gusta que lle falen galego.O director xeral da CRTVE, Xosé María Calviño: A tua lingua vale non só para andar pola casa; usa o galego para todo. A actriz Rosalía Dans,protagonista da serie televisiva Los gozos y las sombras,dicía A lingua é o vehículo máis importante que traduce a cultura dun pobo. O cronista deportivo e cantante en galego,Pepe Domingo Castaño: O galego é a lingua dos galegos. De ti e de min. Fernando Romay, xogador de baloncesto: O pobo que recobra a súa lingua, recóbrase asi mesmo. Luís Mariñas, presentador dos telexornais de TVE: O futuro da lingua está intimamente vencellada ao futuro do pobo que a fala. O pontareano Álvaro Pino, gañador da Volta ciclista a España: Se queremos unha Galicia nosa temos que cultivarnos en galego.Fala e escribe na nosa lingua. O cantautor Amancio Prada: Pola lingua nai:galego na fala e no canto, e Adolfo Domínguez ,modisto de sona naqueles anos afirmaba: A túa lingua xa ten Lei, se lles tes lei a ela, úsaa.
Pero faltabame alguén que fose coñecido nos medios futbolístico e dei con Miguel Ángel,un ourensán no C.F.Real Madrid. Axiña que lle pedín a colaboración non dubidou e mandoume esta frase para o cartel, a máis extensa de todas: Falar galego non significa o abafallo para as demais linguas; senón que a lingua galega é parte dunha cultura e dun modo de expresión do noso pobo.Fala galego! Eu tamén o falo!
A campaña publicitaria provocou os seus efectos de contado.Todos os medios de comunicación do Estado fixéronse eco dela,louvándoa; pero tamén as sociedade da emigración déronnos os parabéns e solicitaronnos coleccións de cartaces que en Redondela foron distribuídos semanalmente por todos os lugares das súas parroquias, centros de ensino, adros e tabernas. Ao pouco, os redondeláns empezaron a sentírense orgullosos da política lingüística do Concello, creándose un clima de galeguismo entusiasta que conseguíu contaxiar ao resto dos concellos galegos.
Aquela campaña publicitaria é hoxe un fito na historia da lingua galega que será lembrada como exitosa por todos os que a viviron. Como os tempos mudan e as xeracións se suceden abafadas por mensaxes que disolven a conciencia patria, non estaría de máis argallar outra imaxinativa e incisiva.
(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)