Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pescudando polo fondo

viernes, 15 de septiembre de 2017
As raíces de certas teimas ideolóxicas soen ser diversas. Como unha árbore, multiplícanse para acadar o fortalecemento do tronco. Xustamente por isto, o tronzado deste e o seu derribo non exclúe a potencialidade dalgunha raíz para aventurarse nunha nova xeración. Penso que esas teimas ideolóxicas no seo dunha sociedade, son brotes do que Michel Foucault designou, na súa obra, “Las palabras y las cosas”, como EPISTEME. Expliquémolo.

Entendeu este filósofo francés, encadrado no estruturalismo, por EPISTEME, un fondo, un campo, no que se determinan os a priori históricos, e nos que pretende colocar a emerxencia de toda forma de saber; por iso a este método chámalle ARQUEOLOXÍA, precisamente pola relación que ten coas escavacións e rexistro do achado. É unha técnica que permite encontrar, subxacentes, as razóns polas que nunha época determinada emerxen determinadas ideas, modos de saber (e de actuar, engado eu). Na sociedade estas “epistemes” preséntanse con certa descontinuidade; pero sempre afectan a algún sector da mesma.

É necesaria unha pescuda polo fondo, se queremos entender o que se presenta como irracional e, incluso, aberrante. E só se pode facer acudindo aos estudosos e escritores que foron capaces, e seguen séndoo, de traer á superficie o que está latente no fondo, como unha estrutura que marca toda clase de expresións e manifestacións en cada época da historia, e tamén de explicarse por que certas teimas temáticas rebrotan.

Estes días presenciamos, con desconcerto, e non por inesperado, senón polas actitudes dun sector dos cataláns, con motivo do problema da independencia, ata onde se pode chegar, deixando ao doután a irrupción sentimental no ámbito da racionalidade, e pensamos que ese “sector” dun pobo tan ben considerado culturalmente, e que foi capaz de acadar un nivel económico moi respectable, está alimentando unhas actitudes extremas de irracionalidade que talvez teñan unha explicación subxacente a ese comportamento, algo así como faíscas xurdidas do remol dunha certa EPISTEME FOUCAULTIANA doutros tempos, que o levan a cismar contra o evidente.

É posible que esta extrapolación do pensamento de M. Foucault poda iluminar tamén outros comportamentos que, non tanto por descoñecemento como por estratexia moi pouco apropiada, catalizaron ese PROCÉS, porque non todo o resolve o tempo, e sobre todo, neste suposto, non parece acertado esperar a embestida do touro, sen prever consecuencias: o subxacente, non responde ao regulado, e fallan as previsións. A min, que non me considero capacitado para dar consellos, e neste ámbito moito menos, esa manía das extrapolacións penso que me facilitou unha visión, dende hai algún tempo (os artigos constátano, mais xulgaranos os lectores), do proceso do “procés”.

Dediquei uns días a ler un pouco o que considerei como expresión dese fondo (a “episteme” catalá), “buscando o non–pensado nos discursos, o espazo e a orde que os fai aparecer”, como di Antonio Bolivar, Catedrático de Filosofía e estudoso do estruturalismo. E detívenme nun excelente traballo de D. Antonio Martínez Carrasco, Catedrático da Universidade de Navarra, titulado RAZÓN Y VIDA EN EUGENIO D`ORS, Publicado en “Estudios Filosóficos” (V.192).

Eugenio d`Ors, que viviu a cabalo dos séculos XIX e XX, foi un periodista catalán que destacou como ensaísta e filósofo. Ocupouno como tema central a relación entre a razón e a vida; pero como escribe o Dr. Martínez, “o modo como d´Ors formula estas relacións ten unha notable complexidade interna, en xeral non adecuadamente recollida polas diversas interpretacións sobre a súa filosofía, a miúdo con moi significantes discrepancias neste punto”. (Tradución miña). O artigo afronta con claridade esta “complexidade das relacións entre razón e vida”; pero nelas, no meu modesto xuízo, outéase o campo da “episteme”.

Algunhas frases deste ilustre xornalista, poderían aplicarse as irreflexivas présas con que o Parlament, estes días, despachou algunhas leis. Só as dúas seguintes: “Nunca é tempo perdido o que se emprega a escoitar con humildade cousas que non se entenden”. “O error é múltiple; a verdade, non”. (Segue a tradución miña). Ofrézoas a modo de “entrantes”.

D. Eugenio non foi alleo ás correntes que formularon de modo dramático o conflito razón–vida, con predominio do vitalismo e a irracionalidade, que sen dúbida deixaron, como noutros sitios, un pouso en Cataluña, impregnando as actitudes reivindicativas, evidenciadas en acontecementos dramáticos, rexistrados na Historia. É dicir, un fondo subxacente que prima un certo voluntarismo (aínda que se quere entender como unido á intelixencia), e que se traduce en accións, ás que o filósofo pretende apartar da infamia, integrándoas nun certo intelectualismo, e como di o autor do artigo, “para iso, apela a noción de SENY, termo co que quere referirse a un modo máis amplo, flexible e que abarque o entender da razón humana, moi diferente das estreitezas dos racionalistas.

O SENY non é diferente da razón, senón un modo de entender a razón máis realista e xusto co verdadeiro papel e funcionamento da razón humana, que se opón a outros modos de entender a razón que NA SÚA NATURALIDADE CREARON UN CONFLICTO ARTIFICIAL E IRREAL ENTRE A RAZÓN E O RESTO DOS ÁMBITOS DA VIDA”. (Tradución e maiúsculas, miñas). O “seny” ten unha recente equivalencia en Galicia, grazas ao Dr. Albor: CON SENTIDIÑO.

Pero a presión da “episteme”, dese fondo foucaultiano, levouno a adoptar outra perspectiva, considerando a vontade, entendida como impulso, como unha forza espontánea de tipo inconsciente, dentro da que cae a dimensión instintiva e pasional, mentres que o SENY equivale á razón, á orde, á cultura...; pero aquí o filósofo semella encontrarse en constante vacilación entre integración e dualidade en referencia á razón e á vida, se ben matizando e variando a semántica dalgúns termos e introducindo outros. Así, fálanos da SUBCONSCIENCIA, unha dimensión inconsciente, como vida, como motor que move todo o dinamismo humano; pero, a vez, introduce o de SOBRECONSCIENCIA, tamén inconsciente, orixe e raíz que alimenta todos os aspectos intelectuais da vida humana, onde eu penso que a intuición intelectual anda por aí.

Completa estes dous niveis d`Ors, da subxectividade humana, nesta etapa da súa produción intelectual, introducindo o da CONSCIENCIA, como ámbito intermedio, situado entre os dous sinalados, e considérao “sede das facultades e potencias da vida consciente e sede, por tanto, da razón ou representación e da vontade” (Dr. Martínez): A razón é a parte da consciencia en contacto coa sobre–consciencia, e a vontade, a parte en contacto coa subconsciencia.

Extrapolando isto a sociedade, podemos interpretalo, no caso catalán, como un sector de cidadáns influenciados por unha “episteme” de matiz intelectual e iluminado; un segundo sector, movido polos constituíntes da forza do impulso vital subconsciente, manipulado polo primeiro, e un terceiro sector, onde radica a vontade regulada pola racionalidade e a “razoabilidade”, é dicir, “con sentidiño”.

Pero de tal maneira se enmarañou o pensamento d´orsiano, que leva ao autor do artigo comentado a escribir o seguinte: “De feito, para d`Ors, igual que para Ortega en “Ni vitalismo ni racionalismo”, a RACIONALIDADE NON É SENÓN UNHA PEQUENA ILLA NO GRAN OCÉANO DA IRRACIONALIDADE, elemento primixenio, profundo e fundamental; pero unha illa que representa o mellor do home e supón UNHA RESISTENCIA SALVADORA FRONTE ÁS PRETENSIÓNS DOMINADORAS DO IRRACIONAL” (Tradución e maiúsculas, miñas).

Non contar con estes campos subxacentes, de matiz estrutural, que comprometen os comportamentos individuais, e explican certas constantes históricas, pode dificultar a formación de acertadas previsións das tendencias sociais de calquera índole. E no caso que nos ocupa, penso que existen suficientes testemuños históricos que evidencian como terminaron os procesos encamiñados a acadar os mesmos obxectivos. A espera a esta etapa do “procés”, aínda que o fin sexa positivo, leva á razoable desconfianza de que, en vez de madurar as solucións, ben puideron facelo as convulsións violentas: Manter a proporcionalidade non parece procedente cando o referente fuxe do marco que xustifica a proporción, precisamente eludindo a necesaria homoxeneidade sobre a que pode realizarse.

Todo isto ignorando, a maior abundancia, as recentes investigacións en neurociencia de Stefano Palminteri, que dirixe un equipo de investigadores na Escola Normal Superior de París, co cal parece que puido establecer que os humanos posuímos unha excelente capacidade de ignorar os feitos que non se corresponden cos nosos prexuízos, e, polo contrario, unha incapacidade de percibir as consecuencias futuras das nosas decisións. Anda polo medio a “episteme foucaultiana”, incidindo nalgúns grupos de persoas...?.

Consecuentemente, o ocorrido en Barcelona ben merece un estudo “multidisciplinar”, evitando os cómodos e habituais estereotipos das exposicións que adoitan darnos os políticos !!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES