Nesta presenza nosa (A Manuel María)
Otero, David - miércoles, 13 de septiembre de 2017
Nesta presenza nosa,
na responsabilidade e na firmeza,
na que se reflicte tamén tan claramente
nesta manda de afectos setembral
co teu exemplar ser
na coherencia,
no teu vivir na casa nosa,
presente sempre,
así nun algo máis
e como tribu
advertimos a madureza da reconciliación obrigada
coa cabeza erguida
indo
Indo Manuel
polo camiño traballado,
articulando procesos necesarios,
soberanos,
estando á altura dos nosos días,
na memoria nacional
á que o teu nome nos obriga
e festexándonos, coma non
no que falamos
e festexándonos coma non
no que cantamos
e festexándonos coma non
no que facemos.
Velaí nesa esperanza
nesa fonda protesta creativa,
o son orixinal dos nosos pasos
na desobediencia,
na resistencia
co factor humano imprescindible,
xa fóra de tanto calado sufrimento,
de tanto economicídio
xa fóra
!
pois semellaría aceptar o inadmisible,
consolidando así aquelas supervivencias
de rendidos con candeas apagadas
postos en tantas procesións continuadas
de mentiras
Xa son horas que na forza das nosas verdades,
no máis sagrado dos nosos sentimentos
e sacando as nosas castañas do lume,
anticipemos pois as liberdades
e vaiamos pois a un novo ciclo histórico
no lugar arelado das causas xustas,
pois son horas de voarmos na unidade
e tratemos de nos ir fóra
das gaiolas da gaiola,
e que ninguén
por certo
quede dentro.
setembro MMXVII XIII aniversario de Manuel María
(Leído por David Otero no cemiterio de Outeiro de Rei, na celebración cívica do cabodano de Manuel María, o pasado 8 de setembro).

Otero, David
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora