Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conversas que trae o vento

martes, 19 de junio de 2007
Nestes días, xa se sabe, falar das novas corporacións municipais, compostas por maiorías absolutas, por coalicións electorais e por minorías absolutas, está á orde do día e polo mesmo non é ningunha novidade. Con todo, entrecollo algunha desas conversas de analistas políticos de tras das silveiras, que me achegou o vento.

Coalicións
Preguntaba un dun concello no que pactaron tres formacións minoritarias contra a formación maioritaria en votos, pero sen maioría absoluta, -¿E durará moito ese matrimonio?
Respondeulle outro: -Agora que se esmendrellan máis do cincuenta por cento dos matrimonios entre dous, ¿poderán durar máis os matrimonios entre tres?
Retrucou o primeiro: -Se cadra, duran; se en virtude da Alianza de civilizacións, se introduce a poligamia ou a poliandria.
O segundo en cuestión, mal falado, bruto e ignorante, só comentou: -¡Puterías!.

Democracia?
Dicíalle unha patroa, case analfabeta a outro con estudos: -Eu votei polos que me prometeron que me habían subir a pensión de vellez, pero despois resulta que quen determinou quen había de gobernar no untamiento foron os que menos votos sacaron, porque se amancebaron cos que máis lles ofreceron... ¿Esto da democracia é cousa do demo, non?
Respondeulle o que tiña estudos e máis un dicionario etimolóxico -Non, señora, democracia vén da palabra grega “demokratía” e é o sistema político que establece o goberno que dimana do pobo, baseado na expresión da súa vontade soberana a través dos votos, porque en grego “demos” significa pobo.
Retrucou a case analfabeta: -Eu, como pouco fun á escola non aprendín grego. Pra min “demos”, son os demos de sempre, que nos tentan incluso a vender ó pobo polo poder, ou pola comenencia propia... Pero teño oído que os demos son moi listos e eses si que saben grego e latín.

Honestidade e honradez
Tamén dialogaban outros dous: -Pois no meu concello -dicía un- sacou maioría de votos o PP, pero non a maioría absoluta para gobernar. Gobernarán en coalición PSDG e BNG. Eu votei ó PP, pero case prefiro que gobernen os outros; porque agora sen a Deputación, nin a Xunta, nin o Goberno Central, ós concellos do PP vanos ter a pan e auga.
Respondeulle o outro: -¡Que va, hombre, es ben ignorante! Eso é o que sempre lle achacou a esquerda á dereita, o clientelismo e os favoritismos, e non van caer eles agora naquelo do que sempre renegaron. Estate tranquilo.
Retrucou o primeiro: -Bueno logo. Deixar a ver.
Iso digo eu tamén (eu son o que firma): -Deixar a ver, porque xa vou indo canso de que uns e outros dean por suposto que se nos barre a memoria ao mesmo tempo que se descolgan os carteis electorais.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES