Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aprender a desaprender

viernes, 08 de septiembre de 2017
Nos últimos anos Suso de Toro minorou notablemente o seu ritmo de publicación, ata o punto de que entre un e outro título seu adoitan transcorrer anos. Por iso, cando un libro do escritor santiagués aparece no mercado, os que o seguimos dende sempre sentimos como a curiosidade vence calquera letarxia e achegámonos ás librerías para facernos co volume e verificar, así, que un dos autores máis emblemáticos da literatura galega das últimas décadas segue brillando a grande altura.

Tal me aconteceu coa aparición de Humildar, o breve ensaio que recolle Aprender a desaprendera colección Libro X de Xerais, apenas unha corentena de páxinas nas que De Toro recunca no xénero do pensamento, ao que tan meritorios títulos ten dado ao longo do último cuarto de século.

Humildar é unha procura. Tamén unha sorte de laica pregaria de acción de grazas, de ofrenda votiva ao milagre da vida coa que se tenta atopar nas palabras a simbólica necesaria coa que espellar un cosmos de sentido que os crentes estruturan a través de ritos, preceptos e oracións, andas das que se ven privados os non crentes.

Deste xeito, De Toro propón unha vía posible para a vivencia plena e consciente alén do fenómeno relixioso. Á falta de verbas sagras, de textos de emanación divina, cómpre mergullarse na linguaxe para fundar unha ‘maxia’ persoal e explicar o transcendente do camiñar propio.

Con estas premisas, Humildar ofrece case unha vintena de pequenos capítulos que reflexionan sobre momentos cruciais da existencia humana: o nacemento, a imposición dun nome, o pasamento, a memoria dos defuntos, o recollemento interior, a escolla dos “lugares especiais” ou “lugares aos que peregrinar”, os momentos e días especiais e, por suposto, os humildamentos na cortesía, no agradecemento, no sorriso e noutras situacións.

Lendo este Humildar un recoñece moitas das ideas que, velaíñas, foran cruzando algúns ensaios de F. M. (1991) e, sobre todo, de Parado na tormenta (1996), mesmo algunhas conexións con A carreira do salmón (2001) e con outros textos. Mais, antes nada, este Humildar é un compendio do pensar e o sentir espiritual do autor, quen se afirma nestas planas nunha mensaxe comprensiva, esperanzada e serena do existir.

De Toro defende a ledicia da nacenza como “o aceptamento de que estamos vivos e de que a vida é un lugar que acolle a quen chega”. Entende que dar un nome a un bebé supón un recoñecemento e un xeito de expresar os nosos mellores desexos para aquel que comeza a acompañarnos. Mantén que é conveniente e “ten sentido despedir a quen marcha, élle preciso e mais é bo para quen fica” e que, unha vez que ese finamento se produce, é necesario “falarlles de viva voz aos mortos. Recoñecéndoos como o que son”. Evidentemente, tamén se impón comprender que “o mellor diálogo con un mesmo non é interno, senón en voz alta”, así que vén ben “falar con nós mesmos”. Como tamén é positivo o casamento visto como un “erguer casa, facer casa”, pero, xaora, para “quen queira facer casa e compartir a vida, vivila en compaña”.

E igual que nas anteriores circunstancias, tamén noutras De Toro aposta decote pola vida integradora, solidaria, pacífica; por exemplo, coidando dos demais, buscando lugares especiais “que nos din un falar distinto, que gardan cousas únicas” e nos que é posible sentirse irmandado co que nos rodea; ou celebrando datas e momentos concretos, “días que consideramos especiais e distintos do decorrer uniforme do tempo”.

Humildar é, xa que logo, celebrar a vida mesma dende a consciencia de que “é preciso saber andar e tamén desandar. Camiñar coa perna dereita e coa perna esquerda. Soltar e atar. Podemos aprender a desaprender, iso é humildar”. Por tanto, “Humildarse vén ser iso, aceptar que a vida é o que nos rodea e nos posúe, que a vida non acaba en nós”.

Irradiación extrema do pensamento, limpidez máxima na expresión e condensación absoluta do intra e intertextual tanto propio coma herdado son os tres vértices deste equilátero literario co que Suso de Toro volve confirmar que a súa é unha voz imprescindible para (nos) entender.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES