Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Matrioska, arte no mundo rural

viernes, 08 de septiembre de 2017
Cando iniciei as reportaxes para esta sección de Testemuñas da Memoria cheguei a angustiarme ó notar que a miña vila, o meu entorno, os meus coñecidos chegaría o momento no que se esgotasen e non sabería xa sobre quen máis escribir. Logo, para máis aquel, sempre fun algo cagadiño e non me vía eu furgando por aquí e por alá para atopar personaxes ou temas. Creo que todos os "covardicas" botamos sempre man da palabra escrita (ninguén nos mira ós ollos e non lle temos medo ó non) para cuspir todo o que queremos, todo o que levamos dentro. Polo menos a min a escritura sempre me deu ese "ter cara" para pedir, para solicitar, para rogar. Así é que axiña lancei un SOS polas redes sociais e polos correos electrónicos. Algunha das respostas chegoume ó momento de Madrid: "Teño ó meu fillo Javier que anda por aí, por Ourense, que teñen un espazo, unha asociación composta de estudantes de Belas Artes e que fai intervencións culturais no mundo rural galego". Máis ou menos foi o que me dixo Mercedes, unha amizade madrileña dos anos 80. E os seus desexos foron coma ordes.

Por medio dela e dos meus correos foi como descubrín a Espacio Matrioska, un grupo de estudantes e amigos da Complutense madrileña que, hai tres anos, querían empezar a "facer cousas". Un deses amigos era de Xinzo de Limia e seica sabía a historia dunha, chamémoslle, devastadora xestión dun alcalde que quixo construír unha Casa Consistorial nos Blancos, pero que, por culpa desa xestión, a tal construción quedou en auga de bacallau. Os compoñentes de Matrioska pensaron que esa era a súa ocasión. Falaron co novo alcalde e este cedeulles o edificio "abandonado". A partir de aquí é onde case se pode dicir que empeza a auténtica historia de Espacio Matrioska.

Pódese comentar perfectamente que, nun principio, foron nove os fundadores de Matrioska e que con estes nove empezou a aventura. Pero durante estes tres anos entran e saen continuamente rapaces que teñen algo que dicir, ou algo que contar, ou algo que facer. A heteroxeneidade dentro do grupo no relacionado ás artes plásticas, gustos e outros mesteres, fixo que fora bastante fácil nun primeiro momento determinar que papel desempeñaría cada un dentro da organización, sen perder nunca a perspectiva horizontal que manteñen e queren manter en todos os aspectos. Formaron unha comunidade e pouco a pouco comprenderon a importancia do contorno. Unha das compoñentes, Laura, cóntame que incluso fixeron unha festa (o 29 de novembro de 2014 e que a consideran como a data de nacemento de Matrioska) para darse a coñecer como asociación de intercambio cultural.

Querían ser unha ponte entre o campo e a cidade facilitando a expresión artística e cultural. Comezaron co calendario de actividades. Calendario que se me guío por nomear todas esas actividades, xa me faría falta todo o espazo que queda da reportaxe. De certames de murais a residencias artísticas. De talleres de escultura, debuxo e pintura ata cursos de serigrafía, teatro e deseño gráfico e industrial. De música ó cine. De xogos a traballos agrícolas; coa súa horta e o seu curral.

Crearon xa un certame de pintura mural con carácter nacional onde se chegaron a pintar cinco medianeiras en Xinzo de Limia, con traballos de artistas de toda España. Organizaron o Festival Reina Loba, quizais, hoxe en día, a súa actividade con máis éxito. Festival no que se mestura a arte, a artesanía, a música, a ecoloxía e a natureza creando un ambiente de comunidade, colectividade e concienciación polo medio e para todos os públicos. Tamén xa chegaron a pintar e decorar unha discoteca en Chaves e varios colexios da comarca da Limia.

O Espacio Matrioska leva a cabo proxectos de dinamización, produción e xestión cultural creando alternativas ós modelos convencionais. Todo isto nun local duns 600 metros cadrados que acolle diferentes salas. Traballan en técnicas dixitais, como vídeo, foto, deseño e ilustración. Aínda que esas salas adoitan mudar, transformarse cando asoma un novo proxecto; onde había un espazo diáfano e versátil, hai moreas de madeira para construír móbeis, latrinas e ata pezas dun escenario.

Como se ve, unha ducia de rapaces novos que queren promover a cultura mesturada no medio rural, os proxectos mesturándose no contorno, as actividades para "adultos" mesturadas coas actividades para os máis "pequenos". Rapaces novos, "cualificados e titulados, que actúan desde uns valores que ofrecen unha proposta innovadora, contemporánea e potente dentro da realidade artística actual e acollendo o medio rural como un eixe máis da mesma", Laura dixit.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania