Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Asasinatos literarios e outras flores

miércoles, 06 de septiembre de 2017
Téñome ocupado nalgunha outra ocasión da escrita fabuladora de Lur Sotuela, quen aínda non hai tanto publicaba un ben interesante libro de relatos, Alucinario (2014). Nesa mesma liña de ficción informada e Asasinatos literarios e outras floresfantasía rebordante publica agora Maldita literatura, volume inserido na colección Confabulaciones da Editorial Eneida.

Sotuela cultiva por igual -e dende hai tempo- a poesía visual e a fotografía conceptual, o guión e a curtametraxe, a lírica versal e a narrativa, por suposto tamén a edición de revistas literarias. Por tanto, non é de estrañar que agora nos propoña un libro tan metaficcional de seu como este, no que reúne vinte e unha prosas breves, a medio camiño entre a facecia e o pseudoensaio, que reconstrúen a vida e obra doutros tantos escritores imaxinarios, todos eles creadores de vida insólita que son presentados como perfectos heterodoxos, autores, en todo caso, nada convencionais.

O esquema destas prosas é, por tanto, unha arquitectura autorrefencial que se estrutura sempre de modo semellante: preséntase o autor e a súa singularidade vital e vaise dando conta da súa xenuína escrita á luz de tan insólita andaina, todo apoiado con abondosas citas de estudosos e críticos e, xaora, con notas a pé de páxina e mesmo bibliografía final, que achegan unha aparencia de cientificidade a este portento de imaxinación.

Deste xeito, imos sabendo das proezas do guerreiro Ájax de Beocia ao tempo que descubrimos os seus esquecidos cantos épicos; coñecemos a moi lonxeva Ígnea Brug e o que en tan xeneroso tempo escribiu; tomamos contacto coa literatura omnívora de Oliver Costa, pensador e caníbal; abismámonos no estarrecedor razoar de Otto Dunkel, escritor nazi; decatámonos de como a literatura dá ás veces máis golpes que a propia vida, como demostra o pasar de Curtis Floyd, escritor e boxeador; sorprendémonos cos imposibles que no papel e fóra del materializa Katherine le Grass, creadora e meiga; e así un longo etcétera, no que teñen cabida aínda o escritor licántropo Connor Mac Lury, o autor ocultista Gilberto Nuno das Rosas ou o literato e suicida Sebastian Wolga, entre outros.

Alén de puntuais despistes nas datas e algunhas reiteracións evitables, Maldita literatura convence pola sólida cosedura do conxunto, no que mesmo hai personaxes e voces que van dun a outro retrato autorial e onde Sotuela chega á autocita que enlaza con publicacións reais (así a referencia á revista El anillo invisible da páxina 36). Tamén compre salientar a pegada lúdica e metaliteraria da obra, na que algúns nomes inventados lembran outros reais aos que se homenaxea ou alude nunha refactura máis ou menos paródica (poño por caso, o profesor John S. Eliott criticando a obra A terra baleira de Mac Lury ou o ocultista Nuno das Rosas marchando vivir a Providence, a cidade do non menos enigmático Lovecraft).

Hai, xa que logo, moito de xogo nestes textos nos que, como a voz narradora nos explica nalgún momento, se pretendeu unha “antoloxía” de “semblanzas” supostamente escritas dende “o despacho da Facultade” por un profesor e investigador que fai o reconto destas vidas que foron papeis, tamén ao revés.

Para os degustadores da escrita sobre a escrita, esta Maldita literatura de Lur Sotuela -bilbaíno criado en Madrid, pero de ascendencia galega, como deixa entrever nalgunha cómplice chiscadela de ollo, tal o lugar de nacenza do namoradeiro poeta París Morel, nada menos que Outeiro de Tebra- ha resultar unha máis que agradable lectura, inzada de deliciosas brincadeiras literarias e versos exemplificatorios de estimable factura, tamén de episodios divertidos e estrafalarios e moreas de gurgullante imaxinación.

Non sei eu se estará de acordo ou non co que deixo exposto o propio autor. Sexa como for, agardo non correr idéntica sorte á padecida polos comentaristas do escritor realista Vladik Kospèk dos que nos fala este libro, que cometeu dous asasinatos literarios en sentido estrito cos que hoxe acabo como esconxuro: “o primeiro e máis rechamante foi o do seu axente literario. Arreoulle catro tiros na cabeza por unha diferenza duns poucos dólares na liquidación dos seus dereitos de autor. Uns meses despois disparou ao crítico Kevin Forrester en metade dunha festa por publicar unha recensión negativa dunha das súas novelas, pero, fundamentalmente, por declarar na reunión na que faleceu que Kospèk era un farsante que xamais viviran ren do que as súas obras describían”. Xente brava, ai non.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES