Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alfredo e Teresa

sábado, 02 de septiembre de 2017
Alfredo e Teresa eran dous mozos da miña vila que despois de mocearen os xoves, sábados e domingos pola rúa do paseo e de compartiren experiencias de xuventude cos mozos e mozas da súa idade polas festas e romarías da revolta, un día decidiron compartiren para sempre as súas vidas, fose onde fose o seu lugar de residencia.

Eran os derradeiros anos da década dos 50 e os inicios dos 60 e, coma tantos outros mozos daquela, convocados polos ecos que por medio das cartas de amigos e familiares e mesmo polos propios amigos e familiares en persoa, que de cando en vez volvían de veraneo, lles daban a coñecer o mar de oportunidades que naquel país xurdía dende a saída do sol ata a chegada da aurora, quixeron que aquel futuro en común tivese residencia en Venezuela.

E así foi. Papeis e documentos, aforros sacados do calcetín para os billetes de ida, adeuses e despedidas, dolores, esperanzas e medos, quince días de travesía -coas súas respectivas noites- no silencio compartido dun inmenso e descoñecido océano e, finalmente, reencontro feliz con familiares que xa viviran a mesma iniciática experiencia e que habían axudarlles a facer máis levadeira a historia que debían empezaren a escribir, co telón de fondo, non xa da rúa do paseo, da praza ou da alameda de Celanova, senón da esplanada da Hermandad Gallega.

Caracas e o futuro presentábanse perante eles, tan fermosos e tan descoñecidos, que tan ben os namoraba paseniño, como lles provocaban medo. Pero dúas fillas e un fillo non permitían nostalxias nin desacougos e o traballo, a miúdo de sol a sol, tampouco, ata que coa familia estudada e ben posicionada, comezaron a chegaren as netas -catro, en total- e unha posición privilexiada que os convertía nun modelo.

Entón chegou o que nunca pensaron que chegaría a aquel país de luz e horizonte e o pasado venres volveron preto da Guaira, onde eles puxeron os pés por vez primeira en Venezuela -concretamente a Maiquetía-, para despediren á segunda neta -aínda lles queda por despedir unha terceira- que decidiron desandaren os dubidosos pasos que os seus avós deron nos anos 60 -cando tiñan máis ou menos as súas mesmas idades- co fin de remataren as súas carreiras aquí e quen sabe se abriren unhas novas páxinas nas súas vidas, lonxe, para sempre, de Venezuela.

Poderiamos dicir que son practicamente infinitas as emocións que ó longo da historia ten xerado o fenómeno da emigración en calquera lugar do mundo e, polo tanto, tamén en Galicia. Pero dubido moito que algunha sexa tan difícil de aceptar coma esta.

Onte lin que o museo da emigración que se vai asentar en Vilamarín seica vai contar con máis de cinco mil obxectos e eu pensei para min: "Emocións coma as que abriga a historia de Alfredo e Teresa, é o que deberá transmitir, senón non pasará de ser unha simple colección de selos".
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES