
Lorena Conde (Ponte Sampaio, 1980) é artista ben coñecida no eido da dramaturxia galega, pois á súa andaina como actriz suma as facetas de directora, guionista, deseñadora gráfica, atrezzista, escenógrafa e didacta escénica. Mais a esta dedicación engade unha outra na que brilla con igual talento, a da escrita lírica, ámbito no que acaba de ver luz o seu libro Entullo, Premio de Poesía Miguel González Garcés da Deputación da Coruña.
O xurado que distinguiu o poemario -integrado por Goretti Sanmartín, Lucía Aldao, Gonzalo Hermo, Pilar Pallarés, Antón Lopo e Marga Romero- destacou nel, ao meu ver atinadamente, a orixinalidade na construción das imaxes e no tratamento do tema: a visión do corpo como espazo de reconstrución, nun proceso de degradación física e emocional.
Neste sentido, as tres ducias de poemas que compoñen a obra resultan unha exploración, dolorosa ás máis das veces, lenitivamente esperanzada outras, da tensión dialéctica entre as entidades da Habitante/Corpo dunha banda e Engano da outra, personaxes dun xogo lesivo de ausencias e rancores, simbólica dunha relación esfarelada, defraudada, traizoada.
Porque este Entullo é cascallo do corazón, un planisferio da pel no que van labrándose as máculas que a caída dos cascotes infrinxe. A ánima, como rebo vital, ten que aprender a se erguer entre os cachotes, asumir que a única vía é a resiliencia, ser quen de acalmar o Corpo, de dignificar a Habitante, de arredar a sombra fera do Engano.
Visto así, o poemario traza coseduras que camiñan dende O Mal inicial (o momento no que todo se veu abaixo) ata o Alivio final (Cando superes a latencia da ferida), pasando pola estación de A ferida (tempo no que unha apenas se vai disfrazada de viva), a pulsión que debuxa A ira (habitada co noso retrato de cadáver inspulto), a loita polo Autoinmune (descabezada á procura estéril dun aquel de dignidade) e a demanda de Epítemas (medrar un algo, construír un algo, refacer un algo).
O verso apositivo e anafórico alterna en Conde coas imaxes desgonzadas e unha metafórica brava, de silveira que espiña os sentidos, semántica que magoa na dureza dun dicir de gume de catana. Nada neste Entullo é por acaso, todo ten o seu lugar. Mesmo as devanceiras que se invocan nas palabras liminares son memoria benéfica e guieiro para o camiño, todo el alfombrado de picos e agullas, de cristais rotos que sangran a pisada.
Conde arroupa estes versos con algunhas ilustracións de hálito oriental, estampados de tintas vertidas, como disparos sobre o papel que son espello dos versos tatuados de mancaduras. O conxunto resultante é un tecido visotextual podente, no que arreguizan repristinados temas de onte e de sempre, mais aquí vaporizados cunha estética de desengano aprehendido e capacidade de superación irrenunciable.
Baixo a luz tutelar de Beckett, tradeado de pedrafitas escénicas e códigos teatrais, este Entullo de Lorena Conde é tamén -e, se cadra, antes nada- unha Epístola ás Habitantes futuras. Para elas, irmás, agroma este canto no que a poeta proclama: Dende aquí./ Dende a calma lograda a dentadas./ Do alto da agulla equilibrada na faceta dun gran de area,/ agora podo escribirvos esperanza a todas.
Para elas, para vós e para nós é este himno de resiliencia de Lorena Conde, Entullo ao que sobrevivir, sempre alén de calquera derruba, superando este coliseo de saldo ata deixar atrás, definitivamente, a praza en obras que somos agora.