Manuel María e o mar de Foz
Fernández, Suso - viernes, 01 de septiembre de 2017
Coida un que o mar de Manuel María, como o de Leiras Pulpeiro ou o de Alvaro Cunqueiro, era o mar de Foz. Os tres o tiñan ao norte e a Chaira luguesa e o val de Mondoñedo aquí a saída natural ó océano.
Gardamos na memoria de rapaz a lembranza dos labregos chairegos que, polo remate do verán, tralas duras faenas da sega, a malla e demais labores do campo, chegaban á beiramar a repoñer os seus corpos esgotados, cos nove baños preceptivos e os correspondentes días de vagar. Eran os chairegos de Manuel María que por uns días abandonaban a tribo para acudir á reparadora visita do seu mar
Acaso non poda decirse que o poeta tivese amores co mar: os seus amoríos eran mais íntimos, mais próximos, daí que a súa lira vibrase con mais emoción ante a presencia do minúsculo regato do Cepelo ou, noutra dimensión, co pai Miño,un río de luz, polo que algún día habemos navegar. O mar -- decía él --, é moi grande e eu moi pequeno.
A evidencia non significa que o vate non fose sensible á realidade maxestuosa do mar, chegando a identificalo co home: Nós somos mar. Estamos rodeados, cinguidos polo mar; e a amosar a inquedanza pola problemática social,e fala das noites de trebón / que fan naufragar a embarcación, así como da exigua soldada do traballador
ao ver o precio do peixe/ é xusto que me queixe/ que non coide normal o diñeiro/ que o mariñeiro/ percibe de xornal
Manuel María foi asíduo do mar de Foz, ó que cantou en versos florecidos na súa louvanza . O mar de Foz, amiga, de ronseles floridos/ polo que navegan os versos mais floridos/. O mar de Foz, amiga, de gaivotas e navíos / leva por mareas os soños mais esguíos./ O mar de Foz, amiga,o mar dos mariñeiros / ten camiños de gozo e camiños tristeiros./ Eu a navegar, tan soio no meu mar....Sinto ó mar en mín, chamarme /coa súa voz rouca, enorme, poderosa/. É o meu vello amigo/,o mar de Foz, quen me reclama:/ coñezo o seu recendo rexo e masculino/ e quéreme ó seu pé, / perto dos mariñeiros, / dos labregos, / das xentes populares/ para darnos a súa forza/ e poñer en pé a nosa patria.
Vivíu Manuel María as emotivas festas mariñeiras da Virxe do Carme, das que foi pregoeiro, e no relato Cando o mar foi polo río levou ó protagonista, Manuel de Paderna, ás festas do San Lourenzo e a bañarse na Praia da Rapadoira. Sen dúbida foi o de Foz, o mar de Manuel María.
(Suso Fernández e Cronista oficial e Fillo Predilecto de Foz)

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora