Noraboa e parabéns
Campo Freire, Xaquín - jueves, 31 de agosto de 2017
Cando nunha familia se producen novas ben gozosas teñen de ser celebradas e mesmo anunciadas.
Como agosto é tempo de dispersión agardei polo retorno á vida normal no setembro para dar as noraboas e os parabéns.
NORABOA POR QUE?
A Pastoral Penitenciaria acaba de entrar oficialmente no organigrama da Pastoral Diocesana que vertebra e coordina as diversas especificacións da atención evanxélica nas distintas necesidades do pobo de Deus e mesmo tenta de axudar a dar repostas aos problemas da cidadanía.
Non está colocada aí coma unha figurante anónima e sen función. Os Papas véñenlle urxindo reiteradamente ás dioceses o cumprimento deste particular mandato evanxélico:In carcere eram et venistis ad me. ( Mt 25, 36).
É esta unha desas pastorais chamadas pobres, das máis pobres, onde os irmáns presos ven deteriorado socialmente incluso o propio nome. Cando perdes o nome, de aí para abaixo xa fica ben pouco.
Oídes que entre vós se vos está a dicir a cotío aquilo de que podrezan no cárcere. Pero eu dígovos: Non será así entre vós. Tratade aos presos coma se vós mesmos estiverdes nas mesmas cadeas, porque tamén vós tendes un corpo. (Hb 13, 3).
Hoxe a Pastoral Penitenciaria nace pequechiña entre nós pero xa irá medrando axeitadamente.
Porque estamos chamados a dar razóns da nosa esperanza: NORABOA!.
PARABÉNS PARA QUEN?
O Sr. Bispo diocesano ven de nomear ao primeiro responsábel da PASTORAL PENITENCIARIA na diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Alguén di: Non temos cárceres na diocese. Non é exacto. Temos dous cárceres: Bonxe e Teixeiro. A xestión dos cárceres pertencen a sociedade e ás entidades civís. Non seguen as mesmas lindes ca o mundo eclesiástico. Pero temos presos. Moitos presos. E eses si son diocesanos nosos: carne da nosa mesma carne e ósos da mesma osamenta ca nós.
E iso sen contarmos aínda os internamentos de menores de idade que son moito peores do que os cárceres, moito máis descoñecidos, silenciados e esquecidos. Hai moito maltrato xa denunciado amplamente. Ollos que non ven, corazón que non fai caso.
E están as familias e as vítimas que viven a cotío ao noso lado ou mesmo son familiares nosos.
E aí está tamén todo o mundo xudicial, avogacía e os diversos voluntariados colaboradores con quen temos de traballar conxuntamente. E estamos toda a sociedade que temos de crearmos unha conciencia e realidade nova nas nosas comunidades de orixe e de retorno.
Non hai vida cristiá sen comunidade, escribiu ben acertadamente Georges Michonneau xa no 1964.
Juan Pablo Alonso Rolle é a nosa boa nova . Un acerto. Un sacerdote xoven, bo amigo de todos, con ánimos e ansias de abrir camiños de evanxeo: Cada vez que atendestes a un destes meus máis mínimos, foi por min propio por quen baixastes as vosas mans e nelas puxestes o voso corazón. (Mt 25, 39-40) Só se ve ben co corazón. O esencial é invisíbel.
Racharemos cadeas que nos prenden e faremos fuxir a treboada. Falaremos de amor coa nosa xente agardando convosco, (con todos), a mañán crara. (Fuxan os Ventos en Compañeira).
Benvido e PARABÉNS!, AMIGO JUAN PABLO.

Campo Freire, Xaquín
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora