A furore inmobiliario
Editorial - jueves, 14 de junio de 2007
Por algo os nosos devanceiros rezaban a furore normandorum, liberanos domine, porque sabían que na costa era maior o perigo, e os ataques virían do mar.
Nestes tempos tamén na costa é maior o perigo inmobiliario, e á vista está a batalla que libran administracións, particulares, propietarios, pomotoras e inmobiliarios. E todos agardando que aínda quede pastel que repartir cando pase este furor.
Soben os tipos de xuro bancario, e a renegociación de hipotecas duplica as cifras de hai un trimestre. O parque inmobiliario de Galicia está a medrar en máis de cen vivendas ó día, sabéndose que só en dous meses do presente ano se puxeron á venda perto de oito mil pisos novos. E curándose en saúde todo o sector, aparece a nova segundo a que tres de cada catro promotoras inmobiliarias van desaparecer en España entre 2009 e 2014.
Estas cousas son avisos para navegantes, entre outros significados. Porque o certo é que o mercado se desmadrou últimamente e apareceron inmobiliarias nos lugares máis impensados do mesmo xeito que en tempos apareceron sucursales bancarias, e agora supermercados e franquicias.
Polo que se ve, do furor inmobiliario vainos salvar o mercado, pero as caídas sempre son duras, sobre todo se arrastran outros implicados que se introduciron tarde nun mercado que coidaron era doado e para sempre.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora