Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A flor da alegría

martes, 29 de agosto de 2017
A flor da alegra Arcadio López-Casanova é un clásico en vida, un deses poetas nos que un país pode ollarse con orgullo e que fan que unha lingua dure, si, mil primaveras máis. Acontece que, alén de extraordinario poeta, López-Casanova ten cultivado con grande acerto outros xéneros, nomeadamente o ensaístico, mais tamén ―e sobre este particular quero determe agora― a escrita infantoxuvenil, á que ten achegado importantes mostras ao longo dos anos. É o caso dos relatos O bosque de Ouriol ―merecente do Premio O Facho en 1973― e As roitas da gamela (1976). Tamén do poemario Cancioneiriño (Do tempo e a paisaxe, dos traballos e as festas). Versos para a xente nova, publicado aínda no 2016 na colección Libros do Loureiro pola santiaguesa Follas Novas.

Pois ben, a estes títulos súmase agora O soño de Bolboreta, que xa no propio subtítulo revela a súa adscrición: Teatro para os máis novos.

Editado por Irindo e cunha colorista ilustración de cuberta de Antón Pulido, O soño de Bolboreta é unha delicada “peza de teatro en dúas partes e catro cadros”, protagonizada por realidades e seres non humanos, mais si personificados, agás nun caso: o do Pregoeiro que funciona como unha sorte de entidade mediadora entre o lector-espectador e os restantes personaxes.

Deste xeito, en O soño de Bolboreta vemos un tenro e bondadoso exemplar de lepidóptero feminizado que chega, dende arredadas terras, a un enclave feérico, a Illa Esmeralda, onde arriba acompañada dos seus amigos o Grumete e mais o Boneco de Neve. Alí atoparase con outros seres e realidades igual de fantásticos, como o Pai Sol, Margarida e Campaíña, o Vento Azul e o Vento Verde, o Reiseñor, a Noite, o Vento Negro e mesmo a Fada da Luzada. Todos eles xogarán roles positivos e negativos no acontecer da historia, que sucede na “tardiña de véspera, noite e mencer do San Xohán nunha campía da Illa Esmeralda e que se abre, fonda e florida, entre os penedos da fonte de Ardeverde e o Bosque da Festa”.

Neste O soño da Bolboreta salienta dunha banda a liricidade do conxunto, ateigado de diálogos ben musicais e cheos de resonancias poéticas, que se complementan cos cantos en verso que, aquí e acolá, intercalan os personaxes nos seus parladoiros.

Doutra parte, a peza destaca tamén pola fondura da mensaxe que, revestida de aparente inxeleza estrutural e expresiva, encerra luminosas reflexións sobre cuestións ben importantes que funcionan como unha alegoría ou fábula do realmente transcendente para os humanos: o amor, a amizade, a solidariedade, a ilusión ou a capacidade de soñar.

Non se oculta -é máis, resulta case unha homenaxe- a natural irmandade deste O soño de Bolboreta con outros grandes textos da literatura universal; por exemplo, O marabilloso mago de Oz de Frank Baum (pois, como nel, tamén aquí son varios personaxes complementarios os que se abisman nunha viaxe iniciática) ou O soño dunha noite de San Xoán de William Shakespeare (filiación ben visible no feito de que tamén aquí a máxica noite do solsticio do verán se encha de natureza e seres fantásticos co poder dos soños como motor).

Moito ben faría que este O soño da Bolboreta fose lectura da nosa mocidade, tamén, xaora, dos que a fomos deixando atrás pero aínda soñamos, como Bolboreta, coa Flor Verdeloura, esa que, como reza a cántiga coa que remata esta fermosa historia é: “A Flor verdeloura,/ a flor da alegría!/ Fada da Luzada,/ fada tan belida/ regaloulle á nena/ a flor máis querida./ Regaloulle á nena/ a flor da alegría./ Ai, a flor soñada/ que o soño cumpría!”. Así pois, ilusionémonos, soñemos e procuremos a alegría, xa que cousa ningunha pode traer mellor pasar aos nosos días, como ben ensina esta pequena xoia do incomparable Arcadio López-Casanova.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES