Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 30 de agosto de 2017
Bailar sobre a túa tumba


Quero bailar sobre a túa tumba e deixar que as pingas de orballo bañen os tremores da túa ollada. Desa ollada morta e baleira. Desa ollada que mira pero non ve. Quero bailar sobre a cabeceira da túa tumba e deixar que o abaneo dunha folla vaia e veña polas airas da túa adolescencia. Desa adolescencia morta e baleira. Desa adolescencia que quixeches vivir e non viviches. Quero bailar sobre os pés da túa tumba e deixar que unha cagada de mosca emborralle a inocencia do teu tempo. Desa inocencia morta e baleira. Desa inocencia que nunca tiveches. E non vale que a túa vida estivese aquí e alá para contemplar a idiosincrasia dun soño. É moi difícil que os soños sexan unha realidade. Quero bailar sobre o espazo corporal da túa tumba e deixar que un salouco pouse na punta da cruz. Desa cruz que significa morte e baleiro. Desa cruz que levaches desde que a vida che deu dúas voltas e catro meneos. Quero bailar sobre túa tumba para que te sintas humano e para que eu me sinta vivo, para que te sintas útil e para que eu me sinta íntegro. Deixo de bailar sobre a túa tumba.

Os dous badulaques


Quixen falar con Deus para pedirlle explicacións sobre a inercia dunha troita cando remansa nunha parte do río Arnoia no cruce, ou mellor dito, na desembocadura do río de Tiora e nin tan sequera se dignou mirarme. Iso chegoume ó corazón. Ou a alma… por aquilo de se é algo máis espiritual. Recoñezo que me amolou, que me doeu a súa indiferenza. Claro que onde as dan, as toman. Ai si!, pois largo a ver ó teu gran opositor, ó teu gran antagonista. E sen andar con días santos baixei ás profundidades do averno e, como non, alí me atopei co gran satánico. Quixen pedirlle explicacións sobre a claridade do ollo birollo de Rosita, A Petancas, cando intentaba mirar o reloxo do campanario da torre da igrexa de Baños de Molgas. Que dis, oh?! Tal cal me soltou o diaño. Eu xa empezaba a botar fume. Que me quixeran mangonear os dous badulaques do universo espiritual xa me empezaba a notar o verme no corpo. Non lle cuspín a satanás na cara porque tiven medo a apagar as súas lapas. E no profundo do meu ser, sei que tamén é necesaria a maldade neste mundo de misericordia.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania