Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 23 de agosto de 2017
Pingas de orballo O gran de area

Non ten conciencia o gran de area cando se espeta no taco do zapato que o pisou. Non ten conciencia porque alí decide seguir e vai deixando as pegadas por onde pasa o Inocencio da Gándara. Este ben que oe un pequeno renxido, unha longa rabuñadura polo chan, pero pensa que o condenado gran xa se desapegará.

O Inocencio da Gándara, cando chega á súa casa, esquece de esfregar os pés contra o felpudo e entra no parqué como cabalo de batalla. Cando segue oíndo aquel rascar, aquel rabuñar xa é tarde. Xa ten a Ludivina da Piollosa rillándolle os oídos coa ladaíña do desastre, da desfeita, da porcallada, da nugalla, do sen sentido, do abandono, do descoido.

O Inocencio da Gándara non lle queda outra que marchar máis rápido que á présa cara á porta para refregar unha e outra vez os zapatos. Non contento con isto, saca o zapato, mira o taco e cunha uña arrinca o maldito gran de area que lle estaba a matar a cabeza por medio da verborrea da súa dona.

Pingas de orballoA noite faise eterna

Que ruína de noite! Non teño ningunha película para ver. Haber hai tres. Pero resulta que xa as vin; unha varias veces e as outras dúas son malas de solemnidade. É que nin tan sequera hai un maldito partido de fútbol! Toda unha noite fochicando no ordenador pónseme costa arriba. Por que non les un pouco? Porque xa lin boa parte da tarde. Que si, que estou co ordenador. Escribindo e escoitando música: o jazz de Art Tatum.

Tamén xa estiven vendo fotos e vídeos que pasei do móbil ó portátil. Deses vídeos que circulan polos guasaps e desas fotos que se sacan cando, por un casual, tes unhas pequenas vacacións. Nada, de tan só catro días xustos. Unha miseria! Iso si, fotos a darlle cun sacho.
As miñas xa hai tempo que as arquivei. As de hoxe eran do móbil da miña dona, que tamén lle gusta disparar. A quen non!; agora que non se malgastan carretes e que dá igual que saian dunha maneira ou doutra, pois todo consiste e gardar e eliminar. Isto remata pero a noite faise eterna.

Fachón prendido

Quero ser verme luceiro nunha noite sen estrelas e quero ser folla revirada nun carballo seco. Non todos os tempos marcan o ritmo de algo que quixo ser e non foi. Non todos os acontecementos acontecen. Simplemente quedan en intento. Dinah Washington marca o ritmo musical nesta noite que xa hai moito que é noite. Penso que ese mesmo ritmo o pode marcar moi perfectamente na hora de soñar, por exemplo. Hai músicos que estarán sempre aí, tempo tras tempo. Quero ser arco da vella nunha treboada de primavera e quero ser fachón prendido nunha escuridade eterna. Calquera camiño que te leve polas pegadas dun desexo sempre chegará a un cruzamento no que a incerteza dunha dirección te fará suar incluso baixo unha sombra de ansiedade. Non queda outra que sentar ante unha pedra perpetua, rabuñar no seu mofo e confiar en que a pinga de suor que caia marque a ilusión dun querer ir na procura da felicidade plenaria. Quen acada a satisfacción completa nunha ventura de momentos?
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES