A carretera
Xiz, Xulio - lunes, 11 de junio de 2007
Eu pensaba que só era cousa da Porta de Cima, pero tamén os da Praza consideraban a Carretera un mundo aparte. A Carretera tiña o seu centro na grande árbore da Pravia, e chegaba desde As Fontiñas ata o Campo de Puente.
Di Bernardo García Cendán que para ir á carretera había que vestirse case de festa, e non como se andaba a cotío. Porque a grande ventaxa dos que viviamos na Porta de Cima era chegar á Praza (e á Igrexa, e á Escola), sen tráfico, xa que non pasaban coches polos nosos dominios. E poder ir de diario, por similitude de ambientes.
Aparte da vestimenta, onde máis se notaba o cambio era no idioma.
Entre nós, xente labrega, o idioma habitual era o galego e aínda que os nosos pais nos criaban nun forzado castelán, as cousas co tempo volveron ó seu.
Na carretera estaba o Concello, o Rexistro, o Xulgado, a Notaría, o Casino
O idioma lóxico, o castelán. Alí vivía xente dedicada ó comercio, á administración, á hostelería ou a vivir de rendas. De pequeno, para min era unha rúa inmensa, chea de vida, en contraste coas vellas fotografías que a amosaban arborada e tranquila. Hoxe segue a ser a primeira vía do noso pobo.
Lembro nela dous incendios que a encheron de público expectante vendo as chamas consumir os edificios. Un, o comercio existente patio por medio- ó lado do Hotel Chao; o outro, nunha zapatería á beira do Casino. Este último, dous días despois aínda fumeaba.
A via de acceso natural á carretera era a que subía por Correos ou se a distancia o aconsellaba o calexón de frente á Fonte, que remataba xunto á casa de Anxel Rego, de onde saían os coches para As Pontes.
A miña lembranza recorda o abano comercial que comeza nos Marios (antes había alí unha ferretería), seguía coa librería, os coches de Ribadeo, os Anduriñas, a Droguería, o Bar Roca, o Fornos..,., e así ata conformar a gran superficie comercial da Carretera, onde había de todo sen ter que cruzar.
Cruzar sendo pequeño era unha aventura. A pesar de que os nenos estabamos perfectamente avisados de que moito coidado cos coches, eu estiven a piques de ser atropelado nos Catro Camiños, ó pé da serra do Barrosa onde traballaba o meu pai. Ó sair, crucei sen mirar cando viña un taxi monumental, que por milímetros non me levou por diante. Entereime polos berros dos presentes.
Pero esa é outra carretera. A que hoxe nos ocupa cruzaba Vilalba como se un coitelo xigantesco cortase en dous o pobo. Alí, si que mirabamos atentos.
Hoxe o trazado de estradas complicouse, e máis que o fará. As novas serán mellores, pero só serán estradas.
Esta nosa nunca será estrada nin rúa normal. Por riba da normativa e do tempo, sempre será a Carretera, a nosa Diagonal, o noso Cantón, a nosa Gran Vía.

Xiz, Xulio