Fractais en política... ?
Rubal, Pedro - sábado, 19 de agosto de 2017
Adoita dicirse que un está morrendo e está aprendendo. Non pretendo enrodelarme na teoría dos fractais. Pero seguramente que se lles ocorreu a vostedes moitas veces preguntarse por que un sistema ordenado, cando menos se pensa, pode levar ao caos, a unha situación caótica, incluso un evento de nimia entidade en calquera estrutura social pode chegar a desencadear grandes e perturbadoras consecuencias. Só traerlles a memoria aquí que o químico belga ILYA PRIGOGINE, sostén que o mundo ten aspectos caóticos.
Como é habitual nestes casos, unha serie de estudosos dedicouse ao estudo disto, e ata nas mesmas matemáticas, o matemático e meteorólogo estadounidense, EDWARD NORTON LORENZ, detectou sistemas caóticos, dentro delas, e advertiu que pequenas variacións iniciais xeraban grandes cambios nos resultados.
Un aspecto desta mesma cuestión abordouno o físico, tamén norteamericano, MITCHELL FEIGENBAU, e dixo que se un sistema ordenado comezaba a evolucionar caoticamente, podía encontrarse unha razón que o explicara, e puxo o exemplo de estruturas xeométricas nas que, cada parte, ven a ser unha réplica do todo. Pero di que existe un número de repetición destas réplicas que, acadado o cal, o sistema adquire unha certa estabilidade. Coñécese coa designación de NÚMERO DE FEIGENBAU.
Por conseguinte, isto permite afirmar que DO CAOS NACE A ORDE. Hai exemplos: O universo saíu do caos inicial e xerou o mundo organizado das galaxias; pero o que aquí nos interesa é poder soster que da actividade desordenada de moitos individuos xurda a orde social. Segundo Prigogine, o mesmo universo é un ciclo de caos, orde, caos, orde... Historicamente, as sociedades, evidencian un dinamismo análogo.
Considero interesante resaltar que os sistemas abertos, como a sociedade, evolucionan caoticamente moito máis expostos as influenzas externas, acentuando o caos ata un punto culminante, que os estudosos chaman PUNTO DE BIFURCACIÓN, no que o sistema optará por volver ao equilibrio, ou reorganizarse nunha estrutura superior. Talvez os nacionalismos independentistas deberan de ter isto moi en conta, porque se non poden incorporarse nunha estrutura superior, a alternativa, antes ou despois, será sempre volver á situación de equilibrio que eles mesmos romperon.
En consecuencia, teimarse en establecer un marco político cun formato FRACTAL, nación de nacións(de nacións...), equivale a multiplicar inventadas e artificiosas réplicas da Nación española, amañadas para que axusten no mosaico da mesma, que non parece que sirvan de algo para neutralizar tendencias centrífugas, senón todo o contrario. Ah!, aquí tamén opera o número de Feigenbau; pero... cal é o seu límite se segue o antollo de crear réplicas estatais?.
Isto pode aplicarse ao o mundo en xeral, xa que está afectado dunha dinámica caótica, xeradora de violencias, de esforzos innecesarios e irracionais, que causan situacións altamente desconcertantes. Certo é que a eficacia e riqueza dos instrumentos de comunicación establecen conexións permiten establecer estruturas virtuais de ámbito mundial; mais, por agora, non parece que podan traducirse en relacións reais e verdadeiramente vinculantes, como o evidencian os feitos e as confusas formulacións ideolóxicas, ata o extremo de que xa empezan a xurdir intelectuais que poñen a esperanza de que saia a palestra a SOCIEDADE CIVIL a restablecer unha necesaria e desexada orde, que os partidos non están en condicións de garantir sen control cidadán. Nesta liña fixo diversas publicacións o catedrático da Universidade Autónoma de Madrid, JAVIER MONSERRAT, e del ofrecereilles algunha idea, que, cando menos, facilita a comprensión desta situación caótica, aínda que estea principalmente referida ao económico e a un ideal éticoutópico.
Brevemente: Pregúntase este intelectual cara a onde camiña a humanidade. Acaso camiña nunha dirección equivocada porque non se realiza o que se debera realizar, e isto xera unha inquietude da que deriva un profundo desasosego?. Pero...que é o QUE DEBERA REALIZARSE, QUEN O DEBE DETERMINAR?. É indiscutible que levamos dous séculos de confrontación entre modernidade / comunitarismo. A fines do século XX e comezos do XXI, ambos ideais éticoutópicos comezan a presentar síntomas de esgotamento. O Dr. Monserrat faise cargo disto e CONXETURA que se está producindo a emerxencia dun novo ideal éticoutópico, que expresaría a nova sensibilidade popular.
Cal considera que sería o perfil deste novo ideal?. Sinxelamente, unha combinación selectiva da modernidade e do comunitarismo, coa potenciación da LIBERDADE e da SOLIDARIEDADE, respectivamente, como elementos integrantes. A este respecto, escribe: Non podemos deixar de contar coa liberdade, pero non é tolerable que non usemos a liberdade para combater as inmensas áreas de sufrimento humano evitable, de inxustiza, de insolidariedade e de indignidade humana; mais tampouco se pode menosprezar o sentimento de solidariedade e xustiza que ten hoxe moita xente, como derivado do comunitarismo.
Afirma este catedrático que no horizonte dos actuais obxectivos desta sociedade civil non parece que haxa compromiso co estritamente ideolóxico; hai un certo pragmatismo: busca achar con realismo e eficacia os camiños que permiten chegar con urxencia á resolución do magoante problema do sufrimento. Sabe que modernidade e comunitarismo teñen valores que deben asumirse e integrarse, non só por pragmatismo, senón porque supoñen valores que merecen ser defendidos por si mesmos.
Hai partidos que parecen enarborar a bandeira en defensa destes valores, sen dúbida, no caso español, emerxentes no 15 M; pero están sendo xestionados, desafortunadamente, cun liderado frustrado, apoderándose, en diversas expresións partidistas, dunha sensibilidade emerxente na sociedade, que non dan seguridade de entendela na súa verdadeira significación histórica, e UTILÍZANA COMO OCASIÓN CONXUNTURAL PARA XESTIONAR IDEOLOXÍAS DO PASADO, RADICAIS E REVOLUCIONARIAS, CUXO MOMENTO HISTÓRICO XA PASOU.
Isto fai que a incompetencia dos líderes, e non a carencia dunha arrogante erudición, os leve a imaxinarios xogos malabaristas para acadar o poder. É aquí, precisamente, onde a sociedade civil ten que poñerse as pilas para desbaratar non só as prudencias imprudentes, duns, senón tamén as improvisadas dilixencias, doutros: NISTO OS ENSAYOS DE LABORATORIO NON OFRECEN GARANTÍAS, PORQUE A VERIFICACIÓN DAS HIPÓTESES PODEN DEXENERAR EN IMPREVISIBLES E CONVULSIVAS CONSECUENCIAS SOCIAIS, SE NON SE CONTA COA SOCIEDADE CIVIL, QUE NON SON SÓ OS AFILIADOS.

Rubal, Pedro