Guerra no planeta dos simios
Xiz, Xulio - viernes, 18 de agosto de 2017
O novelista francés Pierre Boulle, autor dunhas fabulosas Historias caritativas e historias absurdas, de El buen Leviatán ou de El puente sobre el Rio Kway, entrou no santoral da literatura de ciencia ficción cando escribiu O planeta dos simios, do que naceu a película que o ano que ven cumprirá medio século e para os amadores da S.F., entre os que me conto, ten a fermosura dunha Gioconda e a cadencia da Novena sinfonía.
Houbo secuelas e unha nova versión posibilitada polas novas tecnoloxías en 2001, pero o coronel americano George Taylor encarnado por Charlton Heston, na imaxe final cando descobre o resto derrubado da estatua da Liberdade, deixounos mancados para sempre ao descubrir o inesperado destino dun malfadado planeta que el coidou ter deixado para sempre.
Vin as dúas versións, outras que remexeron no tema arando en campo abonado, agardando colleitas sempre imposibles se se comparaban coa primeira sementeira, e un mércores, aproveitando como centos de lucenses- o especial precio mercurial, fun co meu neto maior (10 anos) ver La guerra del planeta de los simios, por se a maxia do cine lograba un pleno de acertos.
Non é unha secuela, quizais pretende ser unha precuela (ese interesado neoloxismo) pero quedase en locuela, e permítaseme o desafortunado xogo de palabras pero non merece maior inxenio descritivo.
Un guión de locura, de humanos infames e simios máis que humanos, lenta ao comezo, frenética despois, podería ser unha aventura de Van Dame se non fose que a magnífica caracterización simiesca merece o único respecto humano á que toda creación a priori ten dereito.
O meu neto saíu contento da proxección polo dinamismo da aventura. E fíxome pensar se o abarrote infanto-xuvenil tería que ver coa forza da aventura, ou herdanza do tirón simiesco entre os espectadores de todos os tempos.
Horror cinematográfico. Ao final, un alud arrasa con todos os humanos, e quedan só os simios no planeta
ao mellor así é como se pecha o ciclo, e pode empezar a vella historia. Se Pierre Boulle non chegara a morrer en 1994, desta ficaba morto de espanto diante desta Guerra del planeta de los simios.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora