Rachar profecías
Santalla, Iago - miércoles, 16 de agosto de 2017
Esta semana ensarilleime na procura de profecías reparando especialmente en Baba Vanga, vidente búlgara que quedou cega tras ser despedida por un tornado. No seu currículo está a predición e acerto da morte de Stalin (polo que foi arrestada), a Primeira Guerra Mundial, a morte do seu irmán ou afundimento do submarino Kursk. Como Nostradamus algunhas, as súas profecías están cheas de medo e debuxan un panorama bélico pouco alentador pero, pola contra, Baba tamén debuxa oportunidades que parecen diluídas pola acción humana. Ata o ano 5079, no que Baba sitúa a fin do mundo, a especie humana parece destinada a repetir os seus erros. Aínda así hai esperanza: Baba fálanos da cura de todas as enfermidades no 4304, a perda da malicia ou do odio no 4308 ou a inmortalidade no 4599 (supoño que a inmortalidade durará ata o 5079..).
Está claro que as visións de Baba son moito máis optimistas que as de Nostradamus que prognostican a fin do mundo no 3797. Segundo este home estamos a punto de entrar nunha guerra de 27 anos entre EEUU, Rusia e China, mencionándose nestas profecías do século XVI o nome de Mabus que cadra co apelido do actual secretario da armada dos EEUU Ray Mabus.
Isto, como mínimo é curioso. Se damos un paso máis e analizamos a nosa realidade de xeito obxectivo, o estalido desa guerra é máis que probable dada a tensión entre as potencias.
Os nosos mandatarios, crean ou non nas profecías, deberían impoñerse o reto de contradicilas buscando, nesa contradición, o rexurdimento da humanidade. Por desgraza os egos que dominan o mundo non teñen interese en rachar estas profecías. Están tan ocupados en facer historia que non lles podemos pedir a maiores que xestionen o presente...

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora