Díptico breve para Xaquín Campo Freire
Fernández Abella, Xoán Xosé - miércoles, 09 de agosto de 2017
(Sempre cristián, sempre galego, sempre "Ganduxando vidas".
Visitador dos presos, e, sempre, cos humillados e ofendidos)
I.
Eu non tiven a túa valentía,
pero admírote moito, meu amigo,
de valentía constante, día a día.
O teu fogar cristián foi un abrigo
para ese cristianismo verdadeiro,
que te fixo de Cristo fiel testigo.
Sendo cura, fixécheste enfermeiro,
cunha entrega total cara ós doentes,
xa fosen crentes ou non fosen crentes,
e foi o teu alivio sobranceiro.
e II.
Non puiden asistir á túa homenaxe,
irmán Xaquín, porque non souben nada.
Xamais faría eu tan grave aldraxe.
Teño na miña alma ben gravada
a túa conduta sa e esclarecida
coa xente de atención necesitada.
Eu ben sei que ti apostas a túa vida
contra toda ruindade e inxustiza.
E que sintes na alma a gran ferida
dos aldraxes á nosa Nai Galiza,
-no teu peito ancorada e benquerida-,
do caciquismo infame que a escraviza.
Amigos dos obreiros en ti asoma
a conduta do Cristo xusticieiro.
Porque ti es de Deus, non do Diñeiro,
un grande amor no teu vivir agroma.
Os Tilos, 04/Agosto/2.017
(Xoán Xosé Fernández Abella é Mestre e escritor)

Fernández Abella, Xoán Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora