Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha fonte que manaba viño tinto

sábado, 05 de agosto de 2017
Leo, nas páxinas de verán do xornal de hoxe -onte, para vostede- que seica é tradición que unha fonte da cidade de Lugo, dedicada a San Vicente Ferrer, no canto de botar auga, reparta polos seus canos, no seu lugar, viño tinto.

O certo é que nunca oíra falar deste costume festeiro que disque é organizado pola asociación de hosteleiros da cidade amurallada nunha fonte dedicada a San Vicente e que está baseado nunha interpretación apócrifa dun dos milagres do santo levantino, transformando o milagre da auga obrado por aquel nunha fonte de Lliria, no "milagre" do viño lugués.

Descoñecía este costume, que, sen embargo, fíxome lembrar onte un relato escrito polo que fora prior do mosteiro de Celanova a comezos do século XVII e finalmente prior de San Pedro de Rocas e que escribiu durante a súa estadía en Celanova unha xoia histórica titulada "Celanova Ilustrada" da que beberon moitos historiadores posteriores que dedicaron os seus estudos á longa historia celanovesa.

É sabido que no ano 1601 -hai a frioleira de 416 anos- os restos de San Rosendo e San Torcuato foron trasladados a sendas urnas de prata que se atopan no altar maior da igrexa conventual de Celanova para goce visual de propios e estraños e que foron magnificamente traballadas por un prateiro vallisoletano chamado Juan de Nápoles Mudarra.

Pois ben, con motivo do traslado dos restos dos dous santos a estas fermosas arquetas, relata frei Benito de la Cueva na devandita "Celanova Ilustrada", que os fastos tiveron lugar -como non podía ser doutro xeito- o día 1 de marzo dese ano de 1601, congregando o abade de Celanova daquel momento Claudio Tenorio a toda a curia de Galicia (o arcebispo de Santiago declinou vir por celos co bispo de Ourense) e do Norte de Portugal, así como a un delegado do gobernador de Galicia que trouxo con el "a douscentos soldados" para acompañar as reliquias na procesión.

Relata, con profusión de detalles, o prior de Celanova cómo foron as festas, tanto nas vésperas coma no propio día 1, asegurando que "foi tan grande o concurso de xente que non cabían, nin no mosteiro nin na vila, especialmente a véspera e o día da festa", salientando tamén que malia ser "tan grande o tropel da xente non sucedeu desgracia nin houbo rifas ou desorde na xente plebeia".

Ata 500 persoas di que "comeron na casa". Pero, o máis interesante para o que nos ocupa, é cando asegura que "a fonte do claustro manaba viño tinto todo o tempo que andaba a procesión, co que se incrementou a alegría do pobo".

Velaí, xa que andamos en tempo de festas, de onde se me ocorre que podiamos turrar do fío, non para copiar a Lugo, senón para divertírmonos o día 1 de marzo os celanovenses gracias á feliz historia interminable que tan xenerosamente nos regalaron os nosos devanceiros.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES