Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ceo de fadas na aldea

miércoles, 02 de agosto de 2017
Nesta Galicia nosa, vella e resistente nación que non se deixa enganar polas cántigas de serea dos que a queren frear na súa teima por se afirmar a si mesma, hai fermosura e prestancia ameazadas que cómpre sempre lembrar. Adoitan estar alí onde o chamado progreso e a acelerada modernidade as deixou. Refírome aquí sobre todo ó inmenso mundo rural, no que durante séculos se asentou o modo galaico de nacer, de vivir e de finar. Todo isto marca fondamente os pertencentes a unha determinada cultura. Por iso chamamos Galicia sobre todo “terra”. “Terra a nosa!”, cantaba Rosalía. Así se saudaban e entendían tamén os pertencentes ás Irmandades da Fala. Terra amábel e florecente, por máis que sexa montesía. Terra fértil, mol e agradecida, aínda que labrada e traballada pola man humana, rexa sempre, aínda que for man de muller.

Por iso se pode dicir que na nosa terra é case tan destrutor o lume que todo o arrasa como o foi a aínda case recente e forzada migración desde parroquias e aldeas cara ós núcleos urbanos. Foi así como ela se tornou nelas case erma de vida humana e do seu imprescindíbel labor conformador e humanizador. A cantos, porén, teñen a dita e a afouteza de habitaren e creren no rural estanlles reservadas vivencias das que non poucas veces se atopan desposuídos os que se teñen por felices “cidadáns”. En primeiro lugar o ceo. Eses nocturnos ceos luminosos, acugulados de ardentes e estremecidas estrelas, dos que hai un par de días puiden salvaxemente gozar cando coidaba que tales praceres estéticos xa non eran posíbeis. Ceos de fadas, de fantasiosos mundos do misterioso alén, que nos dirixen silandeiros acenos ós mortais e que na cómoda vida cidadá non nos é posíbel contemplar, pois a contaminación luminosa das voluntariosas cidades roubounos do ceo desde hai tempo as estrelas e mailos celestes camiños a Santiago. Mais non son só os ceos. Cómpre tamén saber apreciar na súa transcendental valía os humanizadores ritmos aldeáns do traballo e da conversa, nos que a vida semella vivirse non só como tarefa e esforzo senón tamén coma don que se comparte cos que participan dun mesmo espazo natural e ó tempo cultural.

Sobre estes mesmos modos tradicionais e comunais de ser e de vivir bambea, porén, tamén a ameaza, o perigo. É por iso tarefa urxente que no noso país se afiancen estruturas políticas, económicas, sociais, etc. propias, que desde si mesmas, e non desde (máis ou menos agachados) intereses foráneos, comprendan Galicia na súa propia realidade e especificidade histórica e cultural e a teor diso procedan en consecuencia.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES