Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Emilio Rúa, un cantante de bares

viernes, 01 de septiembre de 2017
Testemuñas da Memoria
Emilio Rúa, un cantante de bares

Hai pouco saíu publicado un relatiño meu na sección Pingas de Orballo deste xornal, no que falaba de que me farían falta "moitas horas máis!" das 24 que ten o día para poder atender a todo, para dedicarme a todo, máis en concreto ás miñas afeccións culturais. Por exemplo, ás cancións de Emilio Rúa. Por medio das redes sociais sabía deste cantante de bares ourensán (como el mesmo se define), pero, por falta dese tempo comentado, non me detiña a escoitar as cancións que os seus amigos, que a xente en xeral colgaba na rede (se me dedicara a escoitar todos os vídeos que se colgan, non sairía do feisbuq), polo que, hoxe, non me importa recoñecer que sabía del, pero non como cantaba.

Ata que o venres, 16 de decembro pasado, ás oito e media da tarde me dispuxen a escoitalo na Casa da Cutura Manuel María de Barbadás. E xa desde a primeira canción, "A rúa", non peguei coa cabeza contra a butaca de adiante porque sabía que me mancaría. Pero xa nesa composición amosou unha forza expresiva e rotunda que souben axiña que a actuación transcorrería polas augas mansas do pop musical e polas corredoiras silenciosas das baladas. Baladas elegantes, intensas, marabillosas.

Emilio Rúa, pola idade, pódese dicir que aínda é novo, se comparamos a súa idade (a piques de cumprir os 41) cos seus traballos profesionais, pois leva publicados xa seis discos, que se di moi pronto. Claro que esta cantidade asimílase mellor se comentamos, se descubrimos que xa se subiu ós escenarios con tan só sete anos! Un mocosiño aínda e xa cantando! A ver, descubramos toda a verdade: Emilio Rúa subiu ós escenarios tan cativo porque o seu pai, os seus catro irmáns e o seu cuñado tocaban no grupo musical Concorde Atenea. É dicir, que mamaba a música por cada recanto da casa, por cada táboa do escenario e por cada ensaio familiar.

Naceu o 11 de marzo de 1976 en Vendas da Barreira, unha aldea do concello de Riós. Aldea que crucei moitas veces na miña etapa madrileña, de cando aínda non había autovía, e que desde a primeira viaxe sempre me chamou a atención o seu nome, non sei... coma se se venderan barreiras ou algo semellante. Emilio estudou no colexio público da súa localidade e, logo, botou catro anos na Universidade Laboral da nosa cidade. Estudou na Coruña e fixo conservatorio en Verín ata quinto de solfexo e segundo de guitarra. Non rematou. Pero, visto o visto, para que?

Conversando con el para esta reportaxe comenteille non sei que dalgunha anécdota na súa vida. Non sei a vós, pero a min sempre me gustaron aquelas cousiñas que se saen un chisco do común. Emilio Rúa faloume dunha que tan axiña como lla lin lembroume á película "Amarcord" de Federico Fellini. Resulta que con doce anos, nas Pontes de García Rodríguez, na noitevella, unha señora sacouno a bailar e apertábao contra as súas tetas (aquí foi onde lembrei unha escena desa película, que tamén nos puxemos frenéticos nos Milagres, alá polos anos 70), e, a maiores, cada vez que o sacaba dáballe mil pesetas. Impresionado pola escena, incluíuna na canción autobiográfica "Land Rover", que, por certo, foi o terceiro tema co que nos deleitou na Casa da Cultura Manuel María.

En todos os apuntes cos que me atopei sobre el, todos, absolutamente todos fan comentarios sobre a súa canción "Querida alegría", coa que ganou dous sinalados festivais de cantautores a nivel nacional e cantándoa en galego! É que a señora canción, logo de dicir cousas marabillosas remata con que "temos en algures algún destino, / pero eu elixo o meu camiño. / Dáme a man! Vente comigo! / Vaiamos xuntos a un mesmo sitio".

Este molgués que escribe, a partir de xa, irá xunto coa súa música, cos seus temas polos camiños da infancia e do rural, e dedicaralle o seu tempo a seguir o rastro do seu sétimo disco, que penso que vai ser de moito pendello. Non é cousa de pouco facer un disco de duetos con Javier Álvarez, Vicky Gastelo, Mercedes Ferrer, Carmen París e o meu admirado e amado Víctor Manuel, entre outros. Tamén ten un proxecto con Xosé Carlos Caneiro de música e poesía poñendo en valor a figura de Carlos Casares, ó que, por certo, se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania