Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Outro xeito

sábado, 29 de julio de 2017
Outro xeito A escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie (1977) é unha narradora de proxección internacional que, de seguro, soará a moitos dos que lean estas liñas. Haberá incluso quen teña lido algunhas das súas estupendas novelas Purple Hibiscus (2003), Half of a Yellow Sun (2006) e Americanah (2013) ou os relatos recollidos en The Thing Around Your Neck (2009) e os máis asiduos talvez se animaran á poesía de Decisions (1997) ou o teatro de For Love of Biafra (1998).

Paralelamente a todo este labor creativo, a autora desenvolveu un vizoso quefacer intelectual de signo marcadamente feminista, que ten no ensaio breve We Should All Be Feminist (2012) o seu ideario de referencia para tan importante cuestión.

Este texto é, en realidade, a transcrición dunha conferencia que impartiu en decembro do 2012 no TEDxEuston, o prestixioso simposio anual centrado en África que ten lugar cada ano en California. Ese seu relatorio foi traducido no 2015 ao portugués para Dom Quixote e ao castelán para Ramdom House, ao catalán no 2016 para Fanbooks e chega agora ás nosas librerías vertido ao galego polo avezado Moisés Barcia para Sushi Books. Ben deitamos deste selo de Rinoceronte Editora, pois sen el aínda continuariamos sen poder ler no noso idioma un ensaio maxistral que debería ser de lectura común nos centros educativos do país.

Todos teriamos que ser feministas, que é o título co que aquí se publican estas páxinas, aborda de xeito intelixente, lúcido, ameno e moi didáctico o complexo tema do feminismo e os problemas de xénero. Nunha sentenza luminosa, Ngozi Adichie recórdanos que: “O problema cos roles de xénero é que prescribe como teriamos que ser, no canto de recoñecer como somos. Imaxinade canto máis felices seriamos, canto máis libres de ser quen somos en realidade, se non soportásemos a carga das expectativas de xénero”.

Noutras palabras: debemos comprender que a cuestión vai moito máis alá das elucubracións teóricas dunha elite intelectual preocupada por definir situacións e dinámicas. O verdadeiramente importante é a vivencia desa realidade e como as desigualdades xenéricas operan desequilibrios que afectan tanto ás macro coma ás microestruturas sociais, por veces de modo aberrantemente obvio, outras de xeito ben sutil, en ocasións mesmo con perniciosas dobres lecturas.

Neste ensaio Ngozi Adichie presenta algunhas desas condutas e apriorismos xenericamente rexeitables, circunstancias que ela mesmo padeceu ou observou como nixeriana residente no seu país e mesmo como emigrante nos Estados Unidos. Poño por caso: tópicos como o de que “as feministas son mulleres infelices porque non dan atopado marido”; que o feminismo é “antiafricano” porque non responde á cultura xenuína deste continente; que ser feminista significa odiar os homes ou outras absurdas connotacións negativas coas que se canga o feminismo: “odias os homes, odias os suxeitadores, odias a cultura africana, coidas que as mulleres deberían estar sempre ó mando, non te maquillas, non te depilas, sempre estás anoxada, non tes sentido do humor, non usas desodorizante”.

Con exemplos claros e contundentes Ngozi Adichie demostra como estes pensamentos retrógrados son automatizados e inculcados de maneira que, “se facemos algo unha e outra vez, acaba facéndose normal”. Contra esta trapela endiañada érguense as axuizadas e perspicaces planas de Todos teriamos que ser feministas, das que pode extraerse unha conclusión de lectura tan transparente como reveladora: “Os roles de xénero importan en todas as partes do mundo. E hoxe gustaríame pedir que empecemos a soñar cun plan para un mundo diferente. Un mundo máis xusto. Un mundo de homes e mulleres máis felices, que son máis honrados consigo mesmos. E velaquí como empezar: temos que criar as nosas fillas doutro xeito; e temos que criar os nosos fillos doutro xeito”. Eu, dende logo, apúntome.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES