Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arturo Reguera e o encoro de Castrelo

viernes, 18 de agosto de 2017
Testemuñas da Memoria
Arturo Reguera e o encoro de Castrelo

Tan axiña como lin en certos anuncios periodísticos, en certas comunicacións, de que o día 27 de outubro presentaban no Liceo o libro "Castrelo de Miño, loita, represión, espolio, desastre ecolóxico, desastre humano", do escritor lugués Arturo Reguera, souben que tiña que asistir á mesma. Por que? Porque de rapazolo lera un libro de Xosé Fernández Ferreiro titulado "Morrer en Castrelo de Miño" que xa naquel tempo me gustara moito. Porque sabía de cancións protesta sobre o encoro desa vila do Ribeiro por medio de Suso Vaamonde e de Fuxan os Ventos, entre outros. E porque, o máis importante e principal, que desde hai máis de vinte anos teño relación con ese concello: a miña amantísima muller, dona e señora é de alí. E iso tira, vaia se tira! Ou fanche facer que tira, que todo é posible (e deixo escapar un sorriso medio de esguello)

Fun, entón, ó Liceo. E tan só coa formación da mesa da presentación, xa valera a pena a asistencia. Arturo Reguera estaba flanqueado, á súa dereita, por Manuel Peña Rey, médico e histórico líder comunista, e á súa esquerda por Xesús Alonso Montero e por Ricardo Gurriarán, da Fundación 10 de Marzo e historiador. De Alonso Montero non escribín nada entre comas porque, este señor, e tamén desde ese día, merece unha reportaxe á parte. A proba é que me deixou tan alucinado ó falar que alí mesmo me prometín esa futura reportaxe. Sabía das súas letras, lin moitas cosas súas, pero nunca o oíra falar. A paixón con que o fixo foi a que realmente me enganchou.

Pero hoxe o gran protagonista é Arturo Reguera co seu libro. Escribiu tal libro porque o 15 de maio de 1966, fixo xa 50 anos (de aí tamén a publicación desas pouquiñas páxinas, conmemorando eses anos), iniciouse no concello da miña dona o conflito agrario máis importante que se dá no franquismo desde que se implantara este en España, desde 1939, e por culpa do feudalismo eléctrico dunha empresa de ricos, como era Fenosa. A causa era a construción dun gran encoro no río Miño que asolagaría todo o val de, quizais, a zona máis rica do Ribeiro.

A loita é certo que a iniciaron os propios labregos como reacción á perda das súas terras e ás reducidas indemnizacións. Mais axiña se incorporaron a esas loitas o Partido Comunista e outras organizacións, principalmente culturais. Co pretexto, coa escusa dunha homenaxe que se lle fixo ó poeta Celso Emilio Ferreiro o 15 de maio de 1966 no hotel Roma de Ourense, practicamente todos os escritores e personaxes culturais daquela época empezaron a ler e ditar manifestos contra as obras do encoro, desde o gran Otero Pedrayo ata o propio Reguera, pasando por Blanco Amor, Méndez Ferrín, Manuel María e Alonso Montero, entre outros. O dito, a flor e a crema cultural galega. Pódese dicir que foi o primeiro mitin político celebrado en Galicia logo do golpe de estado do 36.

O encoro construíuse, realizouse, pero grazas á loita conseguiuse que as indemnizacións variasen bastante o prezo. Non obstante, xa se sabe, "os pequenos propietarios non tiveron outro remedio que emigrar, mentres que os grandes, cos cartos que recibiron, participaron da enorme especulación inmobiliaria da época en Vigo", segundo o propio autor.

Arturo Reguera naceu en Lugo no 1945. Estudou no Instituto Masculino da súa cidade, onde foi alumno do profesor Xesús Alonso Montero, co que mantén unha profunda relación desde aquela. No 1962 empezou na Universidade de Santiago, ó ano seguinte pasou á de Barcelona para estudar enxeñería, e no seguinte á Madrid. Volveu a Santiago para, xa definitivamente, estudar Económicas e licenciarse.

Politicamente pasou pola UPG, militou no PCE e a partir do 68 no PCG. Nese ano tivo unha activa participación na folga universitaria, que Ricardo Gurriarán recolle no libro "Inmunda escoria". Fixo a mili na mariña de Ferrol e, claro, o non pertencer ó Réxime pois, xa se sabe... calabozo que te criou! Saíu da mili coma se non saíra... cárcere que te criou! Pero, homiño de Deus, a quen se lle ocorre... ir en contra do Paquiño.

Arturo Reguera foi director da redacción da Gran Enciclopedia Galega de 1974 a 1981, e fundador e director da Editorial Sálvora de 1981 a 1985. Desde que se xubilou como profesor de informática no Instituto San Clemente, de Santiago, vive en Grândola (Portugal), onde, por certo, ten unha impresionante colección de traducións ó portugués da novela quizais máis famosa de todos os tempos, o gran Don Quixote.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania