Xosé Manuel Carballo
Xiz, Xulio - martes, 05 de junio de 2007
Para os galegos de hoxe e de hai trinta séculos, o carballo é unha árbore totémica. Con ánima forte aínda que forme samo, o carballo é fermoso e rexo símbolo de perennidade, dá sombra nos rigores do verán, proporciona sabrosas landras para o gando e é complemento perfecto para calquera finca, como un magnífico ramo fin de obra feito medrar pola Natureza para dicir que o traballo do Creador está completo.
Xosé Manuel Carballo, Chairego de 2007, Chairego de sempre. Árbore totémica da Terra Chá, da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, da cultura, do humor, da amizade. Símbolo de firmeza, con cerna firme que nunca criará samo. Presume de ser o que mellor coxea da provincia de Lugo. O certo é que é un dos que mellor leva o de ser profeta na súa terra, vocación a ultranza, fe para mover montañas, dedicación á nosa xente sen límites, servidor de todos.
Carballo ten o santo valor de poñerme como exemplo de chairego. Non, amigo, o exemplo es ti. E en ti nos miramos, pero eso non basta. Temos que aprender de ti, e tentar facer algo do que ti fas. Pero, Carballo, que difícil é seguir as túas pisadas!.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora