Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Publicidade en galego

sábado, 29 de julio de 2017
Cando me achego a calquera localidade do resto do país ou mesmo de Portugal, teño por costume darlle unha lectura polas mañás ó xornal líder daquela localidade ou da provincia na que a mesma se atopa.

Por unha cuestión que ten que ver coa deformación profesional, como xornalista de oficio que procede do ámbito da información local, adoito centrarme nas noticias que fan referencia á vida municipal das comarcas da revolta co fin de comprobar ata que punto todas acaban facéndose eco dos mesmos problemas. Que se unha estrada necesita un asfaltado urxente. Que se a apertura dun centro de interpretación vai transformar o futuro turístico da zona. Que se os veciños non están de acordo coa presumible mellora dunha rúa. Que se os meses sen chover comezan a pasar factura e o concello ameaza con restrinxir as horas do servizo de abastecemento... En fin, cousas da vida cotián que manteñen os representantes institucionais e á veciñanza en permanente confrontación de intereses.

Cando adoito ir a Cantabria, aínda que hai outro, o xornal que adoito tomar como referencia é o "Diario Montañés" que cubre amplamente as noticias da capital -nestes días de Santiago, por certo, de festas- e logo vai debullando, comarca por comarca, aquelas que teñen que ver co mar e coa montaña porque, como ben foi acuñado polos mentores do turismo desa Comunidade uniprovincial, por máis que xeograficamente sexa unha das autonomías máis pequenas do país, "Cantabria é infinita".

O día de Santiago -que só foi festivo na capital, por iso das festas patronais do municipio capitalino, pero non no resto da Comunidade- non me fixo falla correr moito da portada do xornal para que se me espertara a curiosidade. E non tiven que ler, sequera, ningunha información, senón un recadro publicitario que é ben certo que tiven que ler dúas veces para cerciorarme de que era certo.

E é que xusto na primeira páxina, en lugar de preferencia, o xornal reproducía nun espazo de dous por dous módulos -que ben sendo aproximadamente a terceira parte desta columna- unha publicidade dun viño galego, neste caso non ourensán, que me fixo ver cómo o traballo sen descanso de Xosé González Martínez pouco a pouco vai dando os seus froitos e a veces -coma neste caso- nos lugares máis impensables.

Acompañado dunha fermosa fotografía dun percebeiro nun acantilado das nosas costas, a botella de viño albariño estaba presidida por unha única mensaxe -así en galego- que dicía: "Fillo do Atlántico".

Xa ve, benquerido lector, cómo o idioma ademais de definir un sinal de identidade, tamén é definidor dunha marca de calidade aceptada con normalidade en calquera recanto do mundo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES