Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Graciñas, Señor Santiago

jueves, 27 de julio de 2017
Vou observando que é unha tendencia moi común nos humanos a de que case todos os que por unha ou por outra razón tiveron que deixar a súa terra, aspiran a poderen repousar nela por saecula saeculorum. Ben é certo que non sempre é posible tal aspiración.

Teñen que ser moitas as causas que están detrás desta tendencia tan enraizada nos pobos que foron deixando de ser nómadas. Non faltarán analistas que as destripen co máximo rigor; pero ocórreseme, deixando voar un chisquiño a imaxinación, que toda a terra está animada desde que o Creador lle infundiu a un anaquiño dela, tomando a parte polo todo, un sopro de vida, e por iso sempre a propia terra tira moito. Especial forza de atracción ten que exercer aquela máis inmediata que nos configura pra reclamar as porcións que cedeu só en empréstito temporal.

Nos casos en que este desexo de ser enterrados na terra de onde partimos non pode levarse a cabo tamén hai múltiples e variadas causas e unha delas, e non das máis pequenas, é que o corazón botase raíces de afectividade máis fortes noutros sitios.

Pois ben, penso, xa que logo, que por aí poderán andar os motivos de por que preferiu ser enterrado nestas terras húmidas de Breogán, superando a tendencia primaria de selo nas súas orixinarias desertas de Xudea o Apóstolo Santiago o Maior, o fillo de Zebedeo e Salomé, tamén alcumado como o Fillo do Trono, o Boanerxes, despois de que Herodes Agripa I dese orde de cortarlle a cabeza en Xerusalén a onde retornara de paso, só pra acompañar á Virxe María na súa dormición final.

Moitas querenzas debía ter aquí o Señor Santiago pra deixarlles disposto ós seus discípulos, os sete Varóns Apostólicos, que se fixese oportunamente o traslado dos seus restos, se lle pasaba algo malo por aló, desde Israel ós soutos do Pico Sacro.

Parece que non faltan mentes pragmáticas que, coma o Iscariote, devanan sobre que sería mellor dar ós pobres o que se gastou no traslado. Polo visto non foron moitos os gastos, tanto se prevalece a tese de que foi cousa duns anxos xardineiros dos tapices de mil verdores desta terra, como se resulta máis crible a outra de que veu nunha barca de pedra autopropulsada atravesando o Mediterráneo e dobrando polo Atlántico arriba ata entrar por Iria Flavia. Pouca era a tripulación daquela orixinal embarcación, só un vello mariñeiro xubilado de Tiberíades que acadara a invisibilidade en noites de luar.

Daquela non había perigos de abordaxes de pateras nin de barcos ingleses, porque aínda o Mediterráneo non era o meirande cemiterio do mundo, debido a guerras, mafias e miserias antievanxélicas, nin unha colonia da Gran Bretaña o Peñón.

Non son historiador, máis ben son algo soñador, por iso non entro en se Santiago veu ou non á Galaecia de daquela, nin en desentretiñar canto de lenda pode corresponderlle a el e canto a Prisciliano. Só afirmo rotundamente que o Señor Santiago está en Galicia e máis concretamente en Compostela. Somos milleiros e milleiros os que podemos dar testemuño de que alí nos encontramos con el e moitos máis dunha vez. E fronte ós pragmáticos comenenciudos de sempre, afirmo tamén que a súa presenza foi, é, e será pan pra moitos pobres, e pra algún rico tamén, tanto en Compostela mesmo, como ó longo dos camiños que atravesan continentes e océanos e que nela conflúen.

Pero non se vaia pensar que esa presenza é só pan pró bandullo, porque tamén é compango por ser fonte dunha cultura peculiar tecida das múltiples culturas que a xunto del aquí chegaron e foron deixando os seus pousos na cidade santa das peregrinaxes e nos camiños que levan a ela ou dela retornan. Compango tamén é a recuperación de esperanzas co estímulo que nace da fe que nos legou e que se materializan nas incontables luciñas bulideiras que lastran o seu camiño de estrelas.

Máis dunha vez teño matinado no por que dun Camiño de Santiago polo ceo cando aínda ninguén podía matinar en controladores aéreos nin en barcos á deriva, e cheguei á conclusión de que Deus agasallou ó seu Apóstolo cun Camiño moito máis primitivo có Primitivo no ceo pra que puidesen chegar a bo porto os que teñen que andar incertos camiños por mares embravecidos lastrado de perigos ou fendendo tempestades.

Aínda que todo o dito tiverse unha boa parte de lenda ou mito, non por iso deixa de ser certo, xa que a lenda e o mito é outro xeito de expresar realidades que nos transcenden. Poi iso, ¡moitas gracias, Señor Santiago e que por moitos anos repouse en paz aquí entre nós!

----------------------------------------------------

Collerei uns días de descanso, ou de cambio de actividade, e se non hai causa de novo volverei a andar por aquí en setembro. Mentres tanto, que vaia ben.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES