No día da patria
Cabada Castro, Manuel - martes, 25 de julio de 2017
Na xeira patria saíu o sementador ó seu traballo. Con aquel de señorío e nimbos de paixón e de misterio. Desde as fonduras da terra cántalle a el o corazón cancións podentes e secretas. Voan así ritmicamente ó ar sementes dunha antiga e dourada historia que tenta e sabe de novo xermolar.
É o día veranceiro da patria nosa. Aquela que violentos e fachendosos quixeron acoitelar ou anestesiar pra lle zugar o seu sangue branquiazul. Mais non. Rebule ela e ferve na consciencia da semente, que a impulsos do sementador volve sempre agachar na terra o seu sono sosegado de vida e afirmación.
Paciente, sereno e afoute camiña -pisando cos seus pés nus a terra mol labrada- o sementador. A xeos e quenturas afeito, sabe que o porvir se asenta na carne sufrinte e acolledora da lentura da terra nosa.
É así como o noso pasado e mailo porvir se apertan en singular esforzo por recrear a nosa verdade, aquela que declararon mentira e baleiro soño cantos quixeron arrebatarnos a nosa historia e inocularnos en troques a súa.
El, o sementador, irmandado co vento, coa terra e co ceo espalla en son cantareiro e firme o sagrado presente que as xeracións pasadas se esforzaron en legarnos en herdanza.
Sementes que portan dores e cantos e mais unha vella, bela e recendente lingua, testemuña perenne e firme dos fondos e íntimos vencellos que compartimos. Foron reis e humildosos devanceiros nosos os que a acolleron e levaron nos seus beizos e nos arcanos segredos dos seus corazóns.
Da man xenerosa e visionaria do sementador xorden, pois, coma perdices en xentil bandada, os rexos xermolos nos que se asenta o noso porvir. Pacientes e asemade afoutos, estamos todos chamados a sermos sementadoras e sementadores dun futuro que se prenuncia nun horizonte nimbado de roibéns.
Ultreia, logo! Que ninguén garde no seu peito ou no seu peto, condenándoa así a infértil morte, a voadora semente que en si mesmo está a portar, aquela que ten ás e pulos de crear e recrear un porvir fermoso e necesario para a nosa Terra.
Para que non se poida endexamais volver escoitar aquilo, triste e magoante: a nosa Terra non é nosa, rapaces.

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora